Os Estados Unidos ameazan o Brasil polo arresto domiciliario de Bolsonaro
Os Estados Unidos “exixirán responsabilidades a todos aqueles que axuden e instiguen conductas sancionadas”, advertiu na madrugada da terza feira a Oficina de Asuntos do Hemisferio Occidental do país americano, pouco despois de que Alexandre de Moraes, maxistrado do Supremo Tribunal Federal do Brasil, ordenara o arresto domiciliario durante o xuízo por unha tentativa de golpe de Estado de Jair Bolsonaro, o ex presidente de extrema dereita do país.
A decisión, recorrida pola defensa de Bolsonaro, estivo motivada polo “reiterado incumprimento das medidas provisorias impostas”, entre elas o veto ao uso das redes sociais.
O organismo de Washington chegou a asegurar que Moraes está a usar “as institucións brasileiras para silenciar a oposición e ameazar a democracia”, lembrando que vén de ser sancionado pola Casa Branca como suposto violador dos dereitos humanos por impulsar que o ultradereitista renda contas.
A medida coercitiva está baseada na proximidade entre Bolsonaro e o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, que busca frear o proceso xudicial, para o que decretou unha suba dos aranceis á importación de bens do Brasil a 50%.
En todo caso, as excepcións ao gravame deixaron en 37% o díxito de exportacións brasileiras a Washington afectadas.
Neste contexto, o Executivo progresista liderado por Lula da Silva estaría a priorizar o apoio ás empresas exportadoras fronte ás anunciadas represalias con gravames de 50% contra as mercadorías estadounidenses, sinalou a axencia Reuters.
Ademais, as sancións e os aranceis, demandados pola familia de Bolsonaro ao Goberno dos Estados Unidos, están a incrementar o apoio público a Lula.
