Bolsonaro, condenado por intento de golpe de Estado no Brasil
Sentenza histórica no Brasil. Os maxistrados do Tribunal Supremo, tras pronunciarse a xuíza Carmen Lúcia esta quinta feira, alcanzaron a maioría precisa para condenar o ex presidente, Jair Bolsonaro, por intento de golpe de Estado contra o actual mandatario, Lula da Silva, logo de perder as eleccións presidenciais de 2022. Canda Bolsonaro foron condenados tamén, no marco desta macrocausa, outras sete persoas acusadas: militares de alto rango e membros do seu Goberno.
Lúcia considerou probado no seu alegato que "un grupo liderado por Bolsonaro" e conformado "por figuras chave do Goberno, das Forzas Armadas e de órganos de intelixencia" desenvolveu e implementou un plan "progresivo e sistemático de ataque ás institucións democráticas", coa finalidade de "prexudicar a alternancia lexítima de poder nas eleccións de 2022 e minar o libre exercicio dos demais poderes constitucionais, especialmente o xudicial".
A falta de que se pronuncie un último maxistrado –así o marca o procedemento no Brasil–, este voto condena o ex presidente e os seus presuntos colaboradores, ao haber tres maxistrados a favor desta sentenza e só un en contra. Esta é a primeira vez na historia do país que un ex dirixente se enfronta a penas de cárcere por atentar contra o sistema democrático.
Bolsonaro foi declarado esta quinta feira culpábel da comisión de cinco delitos: abolición violenta do Estado de Dereito, golpe de Estado, pertenza a organización criminal, deterioración do patrimonio protexido e dano cualificado. A duración das penas está previsto que se dea a coñecer esta sexta feira durante unha xornada final de deliberación que dará por concluído este xuízo.
