O BNG pide no Congreso que se evite a penalización fiscal das herdanzas en vida

O deputado do Bloque Néstor Rego avisa de que se se aproba o Proxecto de Lei do Ministerio de Facenda, as persoas herdeiras terán que tributar no IRPF se tiveran que vender o ben que lle deixou o seu familiar.

O deputado nacionalista Néstor Rego. (Foto: BNG)
photo_camera O deputado nacionalista Néstor Rego. (Foto: BNG)

O representante do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, presentou unha serie de emendas ao proxecto de Lei de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal do Ministerio de Facenda. O obxectivo é que non se penalicen as herdanzas en vida.

O nacionalista incidiu en que é preciso evitar que se modifique a norma do IRPF e a do imposto de sucesións, pois no caso de que a iniciativa vaia adiante tal e como está redactada o Goberno do Estado español penalizará “aos cidadáns e cidadás galegas ademais de invadir competencias autonómicas e vulnerar o Dereito Civil de Galiza”.

Para Rego “as reformas que afectan aos pactos sucesorios deben ser retiradas do texto”, pois no caso de que se manteñan unha persoa que tivera que vender unha herdanza tería que tributar o IRPF e asumir as plusvalías.

“A regulación que pretenden supón un tratamento discriminatorio desde o punto de vista fiscal para aqueles herdeiros ou herdeiras que reciban bens en vida fronte a aqueles que o fan trala morte dun familiar”, resaltou o deputado.

Así explicou que “neste último caso, se a persoa que herda recibe os bens trala morte do familiar e a continuación procede a súa venda, só debería tributar pola plusvalía desde o momento da recepción dos bens e até a efectiva transmisión", mais se a herdanza é en vida “deberá tributar polo incremento patrimonial desde que o testador adquirira o ben”.

“Resulta a todas luces inxusto considerar que realizar un acto lexítimo segundo o Dereito Civil Galego e respectando as normas tributarias propias da Administración galega, sexa unha práctica de evasión fiscal”, subliñou.

“Non sería xusto que Facenda se aproveitase desta circunstancia asumindo por riba unhas competencias que non lle corresponden” rematou, recordando que a venda pode ser unha acción necesaria para facer fronte a outros gastos.

Comentarios