O BNG defende a creación dun representante para o Sáhara Occidental no Servizo de Acción Exterior da UE

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa en Berlín na Conferencia Europea de Solidariedade co Pobo Saharauí (Eucoco), en representación do Intergrupo de Apoio ao Sáhara do Parlamento Europeo, mentres que a deputada Montse Prado participa en representación do Intergrupo do Parlamento Galego. Ambas as dúas constataron "a necesidade de desenvolver diversas iniciativas desde diferentes ámbitos". Entre estas actuacións, figuran a fin da ocupación que leva a cabo Marrocos e a suspensión dos acordos con este país que afectan ao Sáhara Occidental e "que supoñen unha clara falta de respecto aos dereitos humanos".

SAHARA
photo_camera SAHARA

“Non podemos aceptar que desde a UE só se dialogue con unha parte”, denunciou na mañá do sábado Ana Miranda, quen manifestou que o Intergrupo do PE tamén defende a creación dun representante para o Sáhara Occidental dentro do Servizo de Acción Exterior da Unión Europea, dependente de Josep Borrell, que implica o recoñecemento da Fronte Polisario como lexítimo representante do Sáhara Occidental.

A Conferencia Europea de Solidariedade e Apoio ao Pobo Saharauí é a cita anual máis importante do movemento de solidariedade europeo co Pobo Saharauí na que participan delegacións de todo o mundo e na que as delegacións participantes denuncian "ás ilegalidades cometidas por Marrocos" e subliñan que a Fronte Polisario "é o lexítimo e único representante do Pobo saharaui, recoñecido xa pola ONU". 

Apoio ao pobo saharauí

Ana Miranda, -nomeada recentemente vicepresidenta do Intergrupo do Parlamento Europeo de Apoio ao Sáhara Occidental, en representación do grupo Verdes-ALE-, avanzou que o Bloque na Eurocámara seguirá impulsando iniciativas de apoio as reclamacións do pobo saharauí. Así, apuntou que en febreiro está prevista a celebración dunha Conferencia de Xuristas.

Na axenda de traballo desenvolvida en Berlín, a eurodeputada nacionalista moderou unha palestra de intergrupos de apoio ao Sáhara de todo o mundo, entre os que destacan os procedentes de Timor Leste, -representado por Xana Gusmao, líder da independencia de Timor Leste, presidente e premio Nobel-, México, Arxelia e Mauritania, A conferencia tamén contou coa participación de representantes de países nórdicos como Suecia, Finlandia, Noruega e Gran Bretaña.

Na Conferencia participaron o primeiro ministro saharaui, Hamudi Beyun, o representante do Polisario en Europa, Oubbi Buchraya Bachir, a ministra de cooperación saharaui, Fatma Mehdi, e varios delegados do Frente Polisario en Europa.

Comentarios