O Exército distribuirá gasolina no Reino Unido desde a segunda feira

O SNP vincula "a escaseza de traballos, o aumento dos custos, os supermercados baleiros, a crise do combustíbel e as barreiras comerciais" directamente co Brexit.

reino_unido_combustibel
photo_camera Automóbiles agardando para repostar combustíbel nunha gasolineira do Reino Unido (Foto: Dominic Lipinski / PA Wire)

O Goberno do Reino Unido mobilizará 200 efectivos do Exército británico, entre estes un centenar de condutores especializados, para facilitar as tarefas da distribución da gasolina nas estacións do servizo do Estado, agora mesmo seriamente obstaculizada pola falta de transportistas.

Así mesmo, Londres anunciou a posta en marcha dun plan de renovación para os visados para case 5.000 transportistas estranxeiros que terían que abandonar o país o próximo 24 de decembro e que agora poderán permanecer até finais de febreiro.

De igual modo, ofreceu a entrada inmediata no país a outros 300 condutores que recibirán un visado temporal até marzo de 2022.

Mentres, a oposición británica chamou a unha sesión de urxencia do Parlamento e á comparecencia do primeiro ministro británico, Boris Johnson, para que explique as circunstancias da crise.

Formacións como o Partido Nacional Escocés (SNP) vinculan directamente a situación coa saída do Reino Unido da UE, como apuntou no seu momento o seu líder parlamentario, Ian Blackford. "A escaseza de traballos, o aumento dos custos, os supermercados baleiros, a crise do combustíbel e as barreiras comerciais estannos a causar un dano enorme", lamentou a respecto do Brexit.

Semanas de crise aínda

Pola súa banda, o secretario para os Negocios do Goberno británico, Kwasi Kwarteng, chamou á calma. "Non hai escaseza de combustíbel en Reino Unido e agora mesmo estamos a ver unha estabilización da demanda. A nosa capacidade de almacenamento segue alta, como tamén os envíos iniciais de combustíbel", salientou.

Con todo, a Asociación de Operadores de Estacións de Servizo avisou de que á crise aínda lle quedan semanas, en particular para os subministradores independentes, particularmente afectados por esta parálise, segundo o seu presidente, Brian Madderson.

"Os condutores militares serán unha grande axuda, mais hai que dar prioridade aos envíos ás estacións independentes que son, en definitiva, os centros de subministración de toda a vida", explicou á cadea BBC.

Comentarios