Australia legaliza o uso de drogas como a éxtase ou fungos alucinóxenos para tratar algunhas doenzas

Terán que ser prescritas por "psiquiatras especificamente autorizados”.

Temperature: 8 C / 46 F
photo_camera Camberra, capital de Australia

Australia converteuse no primeiro Estado en permitir o uso de medicamentos que conteñan as substancias psicodélicas psilocibina (presente nos chamados fungos alucinóxenos) e MDMA (coñecida como éxtase), tras a súa aprobación pola entidade reguladora de fármacos no país para a partir do próximo 1 de xullo, segundo informa a Cadea Ser.

A Administración de Bens terapéuticos (TGA, en inglés) emitiu un comunicado recollido este sábado polos principais medios do país en que permite que ambas as dúas substancias sexan prescritas por "psiquiatras especificamente autorizados para o tratamento dalgunhas doenzas de saúde mental".

O ente regulador permite a prescrición da droga sintética MDMA (3,4-metilendioximetanfetamina) para o tratamento da síndrome de estrés postraumático e a psilocibina para depresións que non melloren con outros tratamentos.

 "Estas son as dúas únicas enfermidades para as que hai suficientes probas de beneficios potenciais para algúns pacientes", di o comunicado.

Para receitar fármacos con estas substancias, os psiquiatras deben recibir a aprobación da TGA, que o someterá ao xuízo dun comité de investigación ética.

A TGA recoñece a "falta de opcións" para pacientes con enfermidades mentais que resisten aos tratamentos, pero lembra que son necesarios os controis para posíbeis efectos adversos destas terapias e que para usos á marxe das dúas doenzas mencionadas, seguen sendo substancias prohibidas.

Aínda que no mercado australiano non existen produtos autorizados que conteñan calquera destas dúas substancias, a TGA permitirá os psiquiatras autorizados a proverse legalmente de "medicamentos non aprobados" que as conteñan.

Comentarios