Aumenta a case un cento o número de mortes polos incendios en Hawai

Superviventes denuncian a maior distribuidora eléctrica do arquipélago.
Edificios calcinados polos incendios en Hawai (Foto: Kevin Fujii / Europa Press / Contacto).
photo_camera Edificios calcinados polos incendios en Hawai (Foto: Kevin Fujii / Europa Press / Contacto).

As autoridades do arquipélago estadounidense de Hawai elevaron onte a 96 o número de vítimas mortais polos fogos forestais que comezaron a pasada semana na illa de Maui, o que os converte nos lumes máis mortíferos no país en máis dun século, mentres os equipos de bombeiros trataban de conter os dous focos que permanecían activos.

Aínda así, o Goberno estatal advertiu que polo de agora non se coñece o custo humano e ambiental real, en paralelo á pescuda de corpos nos restos calcinados dos barrios de Lahaina, a antiga capital do Reino de Hawai. O pasado sábado, o Departamento de Policía de Maui admitiu que só inspeccionara 3% da superficie queimada e cifrou en arredor de 1.000 o número de persoas desaparecidas.

O Condado de Maui estimou que 86% das vivendas do occidente da illa foron destruídas, e o gobernador Josh Green afirmou que só na contorna de Lahaina os danos polo lume ascenden a máis de 5.000 millóns de euros, logo de que o paso polas proximidades do arquipélago do furacán Dora avivara os incendios e dificultara as tarefas 
de extinción.

Asemade, púxose en marcha unha investigación para determinar os motivos polos que non se activaron os sistemas de sirenas de emerxencia, polo que múltiples veciños non se decataron do avance do lume até que estaba á beira das súas casas.

En Lahaina, as persoas superviventes presentaron unha denuncia colectiva contra Hawaiian Electric, a maior distribuidora eléctrica de Hawai, que defende que "a destrución podía terse evitado" se cortaran a enerxía das súas liñas eléctricas perante os fortes ventos que se agardaban na zona, e como advertira o Servizo Meteorolóxico Nacional.

Comentarios