A Audiencia Nacional engade tensión ao conflito ao confirmar a prisión dos Jordi

Con esta decisión fican definitivamente fóra de toda opción de participar na campaña eleitoral, embora si poderían ser candidatos. Todo indica que a resolución da AN preanuncia a que tomarán perante os recursos de Junqueras e os 7 consellers.

jordi
photo_camera Os Jordis, ao chegaren no seu día á Audiencia Nacional [Foto: NacióDigital]

Non hai tregua na escalada represiva do Estado contra o independentismo. A Sala de Apelacións da Audiencia Nacional confirmou esta sexta feira a prisión incondicional ditada no seu día pola xuíz Carmen Lamela contra os líderes dos colectivos soberanistas Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, en Soto del Real desde 16 de outubro. Non se ve por tanto ningún aceno de distensión por parte dos poderes do Estado, a pesar da enorme tensión acrecentada ao conflito polo encarceramento de Junqueras e os 7 consellers.

A resolución, porén, non foi por unanimidade dos 5 maxistrados que compoñen a Sala de Apelacións. Un deles anunciou un voto particular contra o encarceramento dos líderes soberanistas.

Os avogados dos Jordis alegaron que non existe risco de reiteración delictiva -un dos argumentos empregues por Lamela para ditar a prisión incondicional- sendo que a DUI xa se ten producido sen que fose preciso o seu concurso.

A defensa achegou tamén material videográfico para tentar demostrar que Sànchez e Cuixart non só non obstaculizaron o 20 de setembro a saída dos gardas civís da sede da Consellaría de Economía -como figura nos cargos de Lamela contra eles-, senón que antes ao contrario tentaron "favorecer" o abandono ordenado do edificio por parte dos efectivos do corpo militar. En todo caso, alegan que fixeron en todo momento "chamadas á mobilización pacífica"

Sànchez e Cuixart son nomes que figuran en todas as hipóteses de candidatura conxunta do independentismo para o 21-D e esta decisión non impide que se candidaten, mais loxicamente si que participen na campaña. O verosímil é que non sexan os únicos aspirantes a faceren parte do novo Parlament que vivan enreixados a carreira eleitoral. Junqueras e o resto de membros do Govern encarcerados son bazas a xogar por parte do bloco soberanista e mesmo a tal hora non se desbota que nunha listaxe de país poda figurar o president Puigdemont, quen deste xeito, e dada a excepcionalidade do momento histórico, podería dar marcha atrás á súa decisión inicial de non voltar a concorrer ás urnas.

Comentarios