Atopados no Brasil nove cadáveres de migrantes que se terían dirixido ás Canarias

É unha das rutas migratorias máis perigosas.
Buque interceptado a terza feira en augas próximas a Tenerife. (Foto: Salvamento Marítimo do Estado español)
photo_camera Buque interceptado a terza feira en augas próximas a Tenerife. (Foto: Salvamento Marítimo do Estado español)

A Policía brasileira informou de que recuperou nove corpos sen vida nun barco no norte do país, detallando que a documentación e outros obxectos que os acompañaban “indican que as vítimas eran inmigrantes do continente africano, da rexión de Mauritania e Malí”, recolleu a terza feira a axencia AP.

O tipo de embarcación, con forma de canoa, coincide cos navíos de pesca mauritanos usados frecuentemente por persoas migrantes para intentar chegar ás Canarias, “o que suxire que o Brasil probabelmente non era o seu lugar de destino”, indica o medio.

Os 95 km de mar aberto que separan o arquipélago da África continental constitúen unha das rutas migratorias máis perigosas do mundo, e na que se constatou un aumento de 500% das viaxes este ano.

AP desvelou o pasado ano que en 2021 foron localizados no Brasil e no Caribe polo menos sete embarcacións procedentes de África, todas cos cadáveres de persoas que adoitan falecer por deshidratación e falta de alimentos, con reportes dalgunhas que se lanzan ao océano froito da “desesperación”.

Comentarios