Arrestan a ex ministra principal de Escocia, Nicola Sturgeon

A policía investiga o financiamento do Partido Nacional Escocés.

Nicola Sturgeon anunciou esta cuarta feira a súa renuncia. (Foto: Jane Barlow / PA Wire)
photo_camera Nicola Sturgeon anunciou esta cuarta feira a súa renuncia. (Foto: Jane Barlow / PA Wire)

A ex ministra principal de Escocia, Nicola Sturgeon, foi arrestada este domingo como parte dunha investigación sobre o financiamento do Partido Nacional Escocés (SNP), informou a Policía nun comunicado.

As forzas de seguridade declararon a detención dunha muller de 52 anos que permanece baixo custodia policial para ser sometida ás pregunta dos investigadores e as investigadoras.

En tanto, un portavoz do SNP indicou que Sturgeon asistiu voluntariamente a unha cita acordada na que “foi arrestada e cuestionada” sobre unha presunta fraude.

A investigación ten como fin aclarar o destino de 600.000 libras (uns 680.000 euros) que o SNP recadou en doazóns para, segundo afirman, preparar a campaña dun novo referendo en favor da independencia escocesa.

O marido da ex ministra principal, Peter Murrell, que actuaba como director executivo do partido, foi detido en abril e posteriormente posto en liberdade dentro do mesmo caso, coñecido como “Operación Branchform”, aberto desde o verán de 2021. Tamén o tesoureiro do SNP foi levado a dependencias policiais o 18 de abril para un interrogatorio, e ficou en liberdade sen cargos horas despois.

Sete horas após o seu arresto, Nicola Sturgeon, a terceira persoa detida no marco da Operación Branchform, foi igualmente posta en liberdade sen cargos, ficando pendente indagacións ao respecto.

Sturgeon dimitiu a mediados de febreiro, após máis de sete anos á fronte do Goberno escocés (2014-2023) alegando “extenuación”.

As finanzas do SNP foron obxecto de sospeita durante estes últimos anos, principalmente a partir das queixas presentadas en 2021 con respecto ás doazóns.

Comentarios