Arce renuncia á candidatura á Presidencia de Bolivia e pide a Morales que faga o mesmo
Demanda a unidade progresista contra a "dereita fascistoide"
O presidente de Bolivia, Luis Arce, que fora designado polo Movemento ao Socialismo (MAS) como candidato presidencial nas eleccións xerais do 17 de agosto, anunciou na madrugada da cuarta feira a súa decisión de renunciar á candidatura, ratificando que “non serei un factor de división do voto popular” nin “facilitarei na Presidencia un proxecto de dereita fascistoide”.
O mandatario advertiu que os conservadores aspiran a “destruír o Estado plurinacional”, “volver ao modelo neoliberal” e “restrinxir dereitos conquistados pola clase traballadora e o movemento indíxena orixinario labrego”.
Arce, enfrontado durante o mandato co ex presidente Evo Morales, nunha disputa que derivou nunha división do MAS, instouno a “non insistir en ser candidato á Presidencia”, tanto “porque constitucionalmente non pode ser” como “porque a dispersión e a fragmentación do voto só favorecería a dereita”.
Todo apunta a Andrónico Rodríguez
Como Morales, Arce ten unha intención de voto moi reducida, especialmente tras anunciar a súa candidatura Andrónico Rodríguez, presidente do Senado e procedente do MAS, ao que as últimas enquisas colocan como o favorito con até 25% da intención de voto nas presidenciais.
Neste sentido, todo indica que de haber un candidato único da esquerda será el, moi próximo nos seus comezos a Morales, do que se distanciou nos últimos meses, e que está na mellor posición ademais para superar as disputas da anterior xeración de líderes progresistas. En todo caso, o 19 de maio é a data límite para rexistrar as candidaturas.
Morales reaccionou ao anuncio de Arce asegurando que “só o pobo pode pedirme que decline a candidatura”, que sexa como for non ten posibilidades de ser aceptada polos órganos electorais ao ter cumprido co límite legal de mandatos.
