Evo Morales, vítima dun atentado en Bolivia: sae ileso dun tiroteo contra o seu coche
O ex presidente de Bolivia Evo Morales (2006-2019) denunciou este domingo que foi vítima dun intento de asasinato. O vehículo no que circulaba recibiu catorce disparos. El saíu ileso, mais o seu condutor resultou ferido. Morales sinalou o actual presidente e antigo protexido, Luis Arce, como responsábel.
Morales dirixíase de Villa Tunari a Lauca, no centro do país, para participar nun programa de radio cando o seu coche comezou a recibir varios disparos, algúns dos cales impactaron no cristal dianteiro.
Varios disparos
Segundo explicou, no ataque participaron dous vehículos. "Un veu trancarnos de fronte. Isto xa é un operativo, dixen", relatou no seu programa na emisora Kawsachun Coca. Primeiro escoitáronse tres disparos, ante o cal, Morales, que viaxaba no asento dianteiro dereito, agachouse e pediu ao condutor, quen si resultou ferido, que acelerase.
Isto non é contra Evo, é contra o movemento indíxena
Unha das balas impactou contra unha das rodas do vehículo blindado no que viaxaba, co obxectivo de que se detivese, polo que se viron obrigados a cambiar de vehículo. Morales relatou que como estaba agachado non puido ver os atacantes, pero posteriormente dixéronlle que eran homes "encapuchados, totalmente de negro".
Para ex presidente de Bolivia trátase de "un claro intento de asasinato", pois unha das balas apuntaba onde el se atopaba e fallou por poucos centímetros. "Salvounos a Nai Terra", asegurou.
Un abrazo solidario y latinoamericano a nuestro querido compañero Evo
— Rafael Correa (@MashiRafael) October 27, 2024
Morales. Piensan que la lucha de los pueblos la pararán con balas asesinas.
¡Jallalla Bolivia!✊🏼 https://t.co/1LxAUjL18K
Morales explicou que un dos seus condutores sufriu feridas na cabeza e no brazo pero "finalmente salvamos a vida", sen dar máis detalles sobre o seu estado
Acusa Arce
O ex presidente acusa deste intento de asasinato ao que foi o seu ex ministro de Economía e actual presidente do país, Luis Arce, con quen protagonizou numerosos enfontamentos durante os últimos meses. Agora Arce pretende "eliminalo" non só xurídica, legal, moral e politicamente, senón que atenta contra a súa vida, recalcou. "Lucho volveuse tolo", asegurou.
Con todo, "o Goberno fracasou". En calquera caso, mesmo se os intentos de asasinato tivesen éxito, o pobo levantarase. "Isto non é contra Evo, é contra o movemento indíxena", argumentou. Neste sentido, Morales prometeu que seguirá cos seus "compañeiros" do trópico a pesar destes ataques. "Non escapei. Non teño por que escapar. Non son ningún delincuente", argumentou.
En canto ás especulacións sobre a posíbel imposición de medidas de excepción en resposta aos bloqueos que manteñen os seus simpatizantes nas estradas do país, Evo advertiu que "se hai estado de sitio, levantámonos e rompemos".
O dirixente indíxena denunciou ademais que están a mobilizar efectivos policiais cara a Cochabamba, principalmente cara á localidade de Lauca, polo que pediu ás Seis Federacións do Trópico estar atentas e prepararse ante "calquera intento de agresión" por parte das forzas da orde.

