Alza de mortes no Mediterráneo e Bruxelas só mira cara a Belarús

1.567 persoas morreron no mar en 2021 intentando chegar a Europa polo Mediterráneo. As que non o conseguen pero salvan a vida son maltratadas en Libia ou Turquía, que reciben cartos da Unión Europea para reprimir os migrantes.
Interior do buque fretado por Médicos Sen Fronteiras para rescatar migrantes no Mediterráneo. (Foto: Filippo Taddei / Médicos Sen Fronteiras)
photo_camera Interior do buque fretado por Médicos Sen Fronteiras para rescatar migrantes no Mediterráneo. (Foto: Filippo Taddei / Médicos Sen Fronteiras)

10 persoas máis faleceron tratando de cruzar o mar Mediterráneo, confirmou onte Médicos Sen Fronteiras, após rescatar 99 migrantes a 30 millas da costa de Libia tras recibir unha chamada de alarma.

Ao chegar o Geo Barents, o barco fretado pola organización, e subir a bordo as e os superviventes, atoparon no “fondo da abarrotada embarcación os cadáveres”, salientaron. Xunta as salvadas nos días anteriores, o buque leva a bordo 186 persoas, a máis nova de apenas 10 meses de idade, que “estiveron á deriva no mar durante horas, temendo polas súas vidas”.

Estas “10 mortes eran evitábeis”, sinala a presidenta da entidade en Italia, Claudia Lodesani. “É inaceptábel esta indiferenza das autoridades, que non fan nada por evitar estas mortes”, incide, lembrando que “son persoas en perigo, persoas que loitan por ter esperanza e que rin, choran, estudan e traballan”, e que falecen nunha ruta “mortal”.

1.567 mortes en 2021

A Organización Internacional para as Migracións (OIM) reporta que neste ano 1.567 persoas perderon a vida intentando chegar á Unión Europea polo mar Mediterráneo, a meirande parte na ruta central por Libia, na que se rexistraron 1.226 óbitos. 314 persoas morreron na ruta occidental e 27 na oriental.

Con estes datos supéranse as 1.448 mortes de 2020. Desde 2014, cando a OIM iniciou a estatística, o número de defuncións alcanza as 22.853 persoas, entre elas 876 crianzas, a inmensa maioría por afogamento.

Neste ano, nos 158.000 intentos de cruzar o mar recollidos, até 64.380 persoas foron interceptadas polos gardacostas dos diferentes Estados, a metade deles capturados por Libia, que recibiu máis de 400 millóns de euros da Unión Europea (UE) para frear a onda migratoria e evitar que as autoridades comunitarias tiveran que efectuar as detencións no mar.

Libia

Xa en Libia, as migrantes son detidas en campos onde sofren “violacións atroces [dos dereitos humanos], incluída a violencia sexual contra homes, mulleres e crianzas”, denuncia Amnistía Internacional, que fai fincapé en que é “a consecuencia de decisións e prácticas políticas concretas postas en marcha polas autoridades libias e os Estados membros e institucións da UE, así como outros actores”.

A Oficina do Alto Comisionado da Organización das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos confirma esta situación, advertindo en maio que os “migrantes devoltos a Libia están sistemática e rutineiramente enfrontando risco de morte, desaparicións, detencións, torturas, maltrato, violencia machista e explotación”.

O Comité para a abolición das débedas ilexítimas (Cadtm), con sede en Bélxica, explica como a UE “optou por investir millóns de euros en asegurar, externalizar as fronteiras e a cooperación con terceiros países condicionada ao control da inmigración”.

Turquía

Ademais de Libia e Estados como Marrocos, o principal receptor dos fondos comunitarios é Turquía, que recibiu 7.400 millóns de euros desde 2016, cando asinou un acordo coa UE para que impedira a saída de migrantes desde o seu territorio. Amais, serían deportadas ao país otomán todas as persoas que chegaran ás illas gregas cruzando o Mediterráneo, incluídas as solicitantes de asilo. Neste intre, catro millóns de persoas, sobre todo procedentes de Siria, están retidas en Turquía.

Ao tempo, Grecia aprobou medidas para obrigar as persoas migrantes a permanecer en campos de refuxiados até que foran atendidas as solicitudes de asilo. Unha de cada catro son menores de idade e até o 86% son orixinarias de Afganistán, Siria, Somalia, República Democrática do Congo e Palestina.

Belarús

Porén, é na fronteira de Belarús con Polonia, Lituania e Letonia onde ten o foco a Unión Europea neste intre, ao acumularse varios milleiros de persoas en territorio belaruso que intentan pasar á UE, mentres o Goberno de Minsk négase a reprimir os migrantes e tanto UE como OTAN definen a situación como un “ataque híbrido” de guerra.

Así e todo, é o Exército de Polonia o que está a usar canóns de auga e bombas lacrimóxenas para evitar a entrada de persoas. A segunda feira, foi enterrada a primeira vítima mortal, un rapaz sirio de 19 anos, un máis dos que intentaban cruzar nun lugar con temperaturas baixo cero nesta época do ano.

O analista e ex tenente do Exército español, Luis Gonzalo Segura, destaca que esa ruta, a do Mediterráneo oriental, é a máis segura para as persoas que intentan chegar, e asegura que “desta situación, dedúcese que a UE non se sentiría tan irritada se eses 6.000 migrantes estivesen traballando por dous dólares ao día no sur de Turquía para fabricar a roupa das multinacionais que nos visten”.

Asemade, argumenta que “cando dous millóns de refuxiadas e refuxiados sirios chegaron a Europa foron tratados como cebo e vendidos a Turquía por 6.000 millóns de euros”, no que cualifica como a maior operación de tráfico de persoas da historia, precisamente cando por “acción ou omisión, por silencio ou complicidade. A UE é moi responsábel da vida errante e miserábel desas persoas”.

Hai poucos meses a Comisión Europea propuxo entregar a Turquía outros 3.000 millóns de euros para renovar o acordo.

Comentarios