Inmigración

21 bebés, 35 meniños e 131 menores non acompañados, rescatados do mar en 48 horas

Ademais, o Ocean Viking salvou a vida de 187 homes e mulleres no transcurso de tres operacións no Mediterráneo nas últimas 48 horas.

ocean_viking_hippolyte_mediterranee
photo_camera Imaxe a bordo do 'Ocean Viking' (Hippolyte / Mediterranee)

O barco de rescate Ocean Viking comunicou o rescate de 374 persoas no Mediterráneo, perto das costas de Libia, durante a serie de tres rescates que efectuou durante as últimas 48 horas.

"Dos 374 supervivientes hai 21 bebés, 35 nenos, 131 menores non acompañados e dúas mulleres embarazadas", informou a tripulación do barco, operado pola organización SOS Mediterranée, na súa conta de Twitter.

"Enviamos dúas solicitudes dun lugar seguro ás autoridades marítimas libias. Dado que non recibimos resposta, solicitamos o apoio das autoridades marítimas maltesas e italianas. O tempo comeza a empeorar. Necesitamos chegar a un lugar seguro o máis rápido posíbel", avisaron.

En concreto, na pasada sexta feira rescatou pola mañá dúas embarcacións en dificultades, cuns 140 inmigrantes a bordo, e horas despois auxiliou outro bote pneumático cunhas 104 persoas no seu interior. Na quinta, o Ocean Viking rescatou unhas 120 persoas. Os migrantes proceden de Guinea, Sudán e Serra Leoa.

O barco reincorporouse recentemente aos labores de procura e rescate no Mediterráneo central despois de meses de pausa. Máis de medio centenar de inmigrantes perderon a vida este ano nesta zona cando tentaban alcanzar as costas do sur de Europa, segundo a Organización Internacional para as Migracións (OIM).

Dereito ao rescate

As ONG reivindican o seu dereito a efectuar rescates ao tempo que critican a inacción das autoridades europeas, ás que piden polo menos que garantan un mecanismo de desembarco seguro que evite resolver caso por caso o futuro deste tipo de barcos.

Libia é o principal punto de partida dos inmigrantes e, segundo as ONG e Nacións Unidas, non pode ser en ningún caso un porto seguro de desembarco. A OIM denunciou nunha mensaxe en Twitter, con todo, que unhas 300 persoas foron devoltas a Libia este ano, máis de 80 nesta mesma sexta feira.

Comentarios