O Mediterráneo torna de novo en cemiterio

Máis de 2.500 persoas morreron nas augas entre África e Europa no que vai de ano. O acordo entre a UE e Turquía xunto co bon tempo incrementa o tránsito por esta rota.

Imaxe CEAR
photo_camera Imaxe editada por CEAR

Na sexta feira desapareceron por volta de 700 persoas --segundo os dados da OIM-- perto da illa de Creta. Ese mesmo día (3 de xuño) 117 cadáveres eran atopados nunha praia ao oeste de Libia, probábelmente mortas após un outro afundimento na semana anterior. Principalmente, trataríase de persoas procedentes da África Subsahariana. 

Na sexta feira (3 de xuño) acháronse 117 cadáveres nunha praia Libia e por volta de 700 persoas desapareceron nun naufraxio perto da illa de Creta

Segundo a Organización Mundial para as Migracións (OIM) en total faleceran até ese día nas augas do Mediterráneo 2.510 persoas o que sitúa na UE o 88% das mortes nos roteiros migratorios mundiais. 

Os puntos de saída son portos de Libia mais tamén de Exipto e o destino maioritariamente Italia. O número de chegadas ás illas gregas reduciuse no 85%, pasando de 2.174 diarias (como promedio) no mes de xaneiro a 47 en xuño. O acordo asinado entre a UE e Turquía xunto coa operación militar despregada pola OTAN no Exeo dificultan o tránsito polas augas que separan Grecia de Turquía. 

En 2016 chegaron a Italia 47.851 persoas

Porén, as costas italianas non corren a mesma sorte. Entre o 25 de maio e o 1 de xuño chegaron 10.438 persoas, segundo os dados fornecidos pola OIM o que suma un total de 47.851 no que vai de ano. 

Mais non só fronte a Italia morren migrantes. Nestes seis primeiros meses de 2016 faleceron 6 persoas tentando cruzar o Estreito de Xibraltar e 1.063 persoas chegaron ao Estado español procedentes de Marrocos. 

Comentarios