O grupo ultradereitista detido en Alemaña buscaba estabelecer un "Goberno militar"

Unha organización de extrema dereita vinculada coas teorías da conspiración dos Cidadáns do Imperio alemán, desarticulada esta cuarta feira, avanzou un plan para estabelecer un Goberno militar no país despois de asaltar o Bundestag.
Detención onte en Frankfurt (Alemaña) do príncipe Heinrich XIII, un dos presuntos líderes golpistas do grupo de extrema dereita. (Foto: Boris Roessler / dpa)
photo_camera Detención onte en Frankfurt (Alemaña) do príncipe Heinrich XIII, un dos presuntos líderes golpistas do grupo de extrema dereita. (Foto: Boris Roessler / dpa)

Arredor de 3.000 policías alemáns participaron á primeira hora de esta cuarta feira nunha redada en once Estados federais, que se estendeu a Austria e Italia, na que foron detidas 25 persoas de extrema dereita pola súa presunta participación nun plan para derrocar o Goberno alemán pola vía militar. Outras 27 persoas están consideradas sospeitosas.

Dos detidos, 22 están acusados de formar parte dunha organización terrorista e tres considéranse seguidores, un deles de nacionalidade rusa, mentres que o resto son cidadáns alemáns. Asemade, dous dos capturados están considerados líderes, nun grupo que estaría encabezado polo príncipe Heinrich XIII, da Casa de Reuss, que gobernou na actual Turinxia até 1918. O aristócrata sería nomeado xefe de Estado de triunfar a sublevación.

O fiscal xeral alemán, Peter Frank, atribúelles un intento de “eliminar a orde estatal existente en Alemaña mediante o uso da forza e medios militares” polo seu “rexeitamento ás institucións estatais”, como resultado da súa adhesión ás “teorías da conspiración” relacionadas con QAnon e Reichsbürger, principalmente esta última.

QAnon, nacida nos Estados Unidos, é unha narración difundida pola extrema dereita que defende que o “Estado profundo” composto por actores de cine e políticos demócratas participa en redes internacionais de tráfico sexual de crianzas e está disposto a dar golpes de Estado contra os conservadores para consolidar o seu poder a nivel mundial.

Ao tempo, os Reichsbürger (Cidadáns do Imperio) negan a lexitimidade da República Federal de Alemaña e rexeitan os documentos oficiais, así como pagar impostos, reclamando as fronteiras previas á Primeira Guerra Mundial. Este movemento solápase ideoloxicamente coa extrema dereita, explica o Frankfurter Allgemeine 
Zeitung
.

A Oficina de Protección da Constitución alemá estima que arredor de 21.000 persoas se consideran Cidadáns do Imperio no país, un 10% delas está catalogada como violenta.

O plan golpista

A organización terrorista desarticulada formou un denominado “consello” e un brazo militar, o consello estaba dividido en departamentos ao estilo dun gabinete, e chegou a deseñar o seu sistema de Goberno, explicou a Fiscalía Xeral. No plano militar, programaron construír un novo Exército “formado por empresas de seguridade nacional aínda por fundar”, e até visitaron en outubro varios cuarteis susceptíbeis de proporcionar “aloxamento ás súas propias tropas”, recolle Zeit.

O plan era “invadir pola forza o Bundestag (lexislativo alemán) cun pequeno grupo armado”, chegando a aceptar que “a comisión de homicidios” era necesaria para cumprir o seu obxectivo, antes de enfrontarse ao resto das institucións. Tamén discutiron “o uso da forza militar e a violencia contra os representantes do Estado” para impulsar un “Goberno militar de transición” que negociase coas potencias vencedoras da Segunda Guerra Mundial unha nova configuración xeopolítica.

Segundo Die Welt, nas pescudas foron atopadas varias armas, milleiros de euros en efectivo e material de preparación para o golpe. Os imputados acreditan en que un “Estado profundo” goberna en Berlín, e que outros países se dispoñen a atacalo nun futuro próximo.

Detidos

Amais do príncipe, entre os principais sospeitosos están tres soldados, confirmou o Ministerio de Defensa, un deles en activo e dous na reserva. O militar en activo é membro do Comando das Forzas Especiais. Outro dos detidos é un inspector xefe da Policía, destituído en abril de 2022.

A máis coñecida para a opinión pública das persoas capturadas é Birgit Malsack-Winkemann, xuíza en Berlín -renunciou ao cargo tras a detención- e deputada no Bundestag de 2017 a 2021 pola formación de extrema dereita Alternativa para Alemaña (AfD). No plan adiantado asumiría as competencias de Xustiza tras derrocar o Estado actual.

A Fiscalía alemá comunicou que os golpistas trataron de contactar con Rusia para buscar o seu apoio, corroborando que non se produciu resposta. O voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, ratificou que é “un problema interno” teutón.

Comentarios