O acordo China-UE causa malestar na nova Administración dos EUA

Reunión por videoconferencia celebrada o 30 de decembro entre Charles Michel, Ursula von der Leyen, Angela Merkel, Emmanuel Macron e Xi Jinping (Foto: Comisión Europea)
A finalización das negociacións entre ambas potencias antes de que tomara posesión Joe Biden redefine un novo mapa económico mundial. 

A Unión Europea e China concluíron hoxe as conversacións que viñan desenvolvéndose entre ambos os bloques desde 2014 para estabelecer un acordo sobre investimentos que permita mellorar o acceso das empresas europeas ao xigante asiático, eliminado trabas e limitacións legais para as compañías do Vello Continente.

O pacto de investimentos entre a Unión Europea e China supón un fito nas relacións entre ambas as potencias económicas e un estratéxico movemento no taboleiro xeopolítico mundial en pleno período de transición en EUA entre a Administración do presidente saínte, Donald Trump, e o entrante, Joe Biden.

"A UE conta co mercado único máis grande do mundo", sinalaba a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der  Leyen, ao anunciar que a UE e China "concluíron en principio as negociacións sobre un acordo de investimento". No documento apuntaba que, desde a UE, "estamos abertos aos negocios, pero apegados á  reciprocidade, a igualdade de condicións e os valores".

Importante para a UE, preocupante para os EUA

Na Comisión Europea destacouse que este acordo é de gran importancia económica e vincula ás partes nunha relación de investimento baseado en principios de desenvolvemento sostíbel, que "unha vez que entre en vigor"poderá "reequilibrar a relación comercial e de investimento entre a UE e China". 

Neste sentido, China comprometeuse a facilitar o acceso ao mercado aos investidores da UE, o que brinda ás empresas europeas certeza e previsibilidade para as súas operacións, ademais de mellorar moito a igualdade de condicións para os investidores europeos, ao estabelecer obrigas claras para as empresas estatais chinesas, prohibir as transferencias forzadas de tecnoloxía, as prácticas distorsionantes e mellorar a transparencia das subvencións. 

O pacto chega antes de que Biden asuma a presidencia, previsibelmente o vindeiro 20 de xaneiro. O equipo de asesores do futuro presidente amosou estes días o seu descontento con estas negociacións.

Un exemplo foi o chío en twitter de Jake Sullivan, asesor de Seguridade Nacional, no que pedía "consultas previas cos nosos socios europeos sobre as nosas preocupacións comúns sobre as prácticas económicas de China”.