O acordo China-UE causa malestar na nova Administración dos EUA

A finalización das negociacións entre ambas potencias antes de que tomara posesión Joe Biden redefine un novo mapa económico mundial. 
Reunión por videoconferencia celebrada o 30 de decembro entre Charles Michel, Ursula von der Leyen, Angela Merkel, Emmanuel Macron e Xi Jinping (Comisión Europea)
photo_camera Reunión por videoconferencia celebrada o 30 de decembro entre Charles Michel, Ursula von der Leyen, Angela Merkel, Emmanuel Macron e Xi Jinping (Foto: Comisión Europea)

A Unión Europea e China concluíron hoxe as conversacións que viñan desenvolvéndose entre ambos os bloques desde 2014 para estabelecer un acordo sobre investimentos que permita mellorar o acceso das empresas europeas ao xigante asiático, eliminado trabas e limitacións legais para as compañías do Vello Continente.

O pacto de investimentos entre a Unión Europea e China supón un fito nas relacións entre ambas as potencias económicas e un estratéxico movemento no taboleiro xeopolítico mundial en pleno período de transición en EUA entre a Administración do presidente saínte, Donald Trump, e o entrante, Joe Biden.

"A UE conta co mercado único máis grande do mundo", sinalaba a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der  Leyen, ao anunciar que a UE e China "concluíron en principio as negociacións sobre un acordo de investimento". No documento apuntaba que, desde a UE, "estamos abertos aos negocios, pero apegados á  reciprocidade, a igualdade de condicións e os valores".

Importante para a UE, preocupante para os EUA

Na Comisión Europea destacouse que este acordo é de gran importancia económica e vincula ás partes nunha relación de investimento baseado en principios de desenvolvemento sostíbel, que "unha vez que entre en vigor"poderá "reequilibrar a relación comercial e de investimento entre a UE e China". 

Neste sentido, China comprometeuse a facilitar o acceso ao mercado aos investidores da UE, o que brinda ás empresas europeas certeza e previsibilidade para as súas operacións, ademais de mellorar moito a igualdade de condicións para os investidores europeos, ao estabelecer obrigas claras para as empresas estatais chinesas, prohibir as transferencias forzadas de tecnoloxía, as prácticas distorsionantes e mellorar a transparencia das subvencións. 

O pacto chega antes de que Biden asuma a presidencia, previsibelmente o vindeiro 20 de xaneiro. O equipo de asesores do futuro presidente amosou estes días o seu descontento con estas negociacións.

Un exemplo foi o chío en twitter de Jake Sullivan, asesor de Seguridade Nacional, no que pedía "consultas previas cos nosos socios europeos sobre as nosas preocupacións comúns sobre as prácticas económicas de China”.

Comentarios