A UE buscará achegar posturas entre os EUA de Biden e o Irán

O próximo 16 de decembro reunirase en Viena a Comisión Conxunta para a Implementación do Plan Integral de Acción Conxunta (PIAC), que fai o seguimento do acordo nuclear.
EuropaPress_3441567_handout_20_november_2020_belgium_brussels_eu_high_representative_of_the
photo_camera O Alto Representante da UE para a Política Exterior, Josep Borrell (Foto: Mario Salerno / UE)

A UE quere atraer os EUA de novo ao pacto nuclear co Irán aproveitando a chegada de Joe Biden á Casa Branca, ao tempo que procura conseguir que Teherán se comprometa co cumprimento total do acordo.

Así o expresou o seu Alto Representante para Política Exterior, Josep Borrell, ao ser preguntado polo acordo nuclear iraniano nun acto canda aos seus predecesores no cargo Federica Mogherini e Javier Solana.

"Estivemos a tentar manter o pacto vivo este ano e estivemos unidos os europeos con este fin. Agardo que poidamos conseguir que os EUA e o Irán volvan ao pacto", declarou.

Borrell puxo o acento en que o acordo é moi importante para a seguridade da UE e para dar estabilidade á rexión e que, sen el, Irán xa sería unha potencia nuclear. Para reavivar o acordo, a UE aposta por promover o comercio co Irán, o aliciente para que Teherán respecte o acordo.

"Imos facer o que poidamos para facer deste acordo un provedor de seguridade para a rexión", sinalou, recordando que o próximo 16 de decembro se reunirá en Viena a Comisión Conxunta para a Implementación do Plan Integral de Acción Conxunta (PIAC), que fai o seguimento deste acordo.

Asasinato de Fakhrizadeh

Despois de que o asasinato de Mohsen Fakhrizadeh, o científico máis relevante do programa nuclear iraniano, sacudise as perspectivas de futuro do acordo, o representante comunitario de Asuntos Exteriores cargou contra o que considera un "acto criminal".

"Foi un asasinato. Isto é un acto criminal. Hai que chamar as cousas polo seu nome", reprendeu o xefe da diplomacia da UE. "Esta non é a forma de liquidar os problemas. Non imos evitar que o Irán desenvolva o seu potencial nuclear matando os seus expertos nucleares", apuntou Borrell. 

Comentarios