Abdallah Nehme: "Antes de desarmar Hezbolá, o Líbano necesita crear a súa propia defensa"
O Líbano vive unha situación complicada. Logo dun cesamento do fogo que Israel nunca cumpriu, o Estado sionista aposta agora directamente pola invasión, lanzando intensos ataques contra o sur e contra barrios da capital, e obrigando así a que a cidadanía libanesa teña que abandonar as casas ou morrer. É o caso da familia de Abdallah Nehme, que tivo que escapar dos bombardeos, tal e como conta a 'Nós Diario' nesta entrevista sobre a situación no país.
Abadallah Nehme vive actualmente en Beirut, na capital, mais é do sur do Líbano, de onde a súa familia tivo que escapar polos bombardeos israelís.
—Cal é a situación no Líbano?
En 2024 houbo unha guerra, e foi asinado un cesamento do fogo en novembro, mais os ataques nunca remataron, Israel continuou bombardeando o sur do país. Desde a parte libanesa ninguén disparou nada e o Goberno estivo tratando de parar isto a través da diplomacia durante polo menos 15 meses.
Israel recoñeceu que estaba planeando unha invasión do Líbano incluso antes do lanzamento de foguetes por parte de Hezbolá da semana pasada. Cando atacou, sabíamos que era o momento, e todo o mundo escapou do sur.
—Como se senten?
A xente está un pouco nerviosa, mais sabíamos que isto ía pasar, con independencia do ataque de Hezbolá, e estivemos preparándonos para cando chegase esta nova rolda de ataques de Israel. Porén, moitas persoas non poden saír do sur do país porque non teñen diñeiro suficiente para alugar unha vivenda nun lugar seguro, seguen alí e están sendo asasinadas nas súas propias casas.
Por sorte, eu non me atopo en Dahie (en Beirut), de maioría xiíta e onde se concentran os ataques sobre a capital. Parte da miña familia vivía alí e tivo que marchar. Onde estou vivimos unha vida relativamente normal, mais a xente dese barrio está baixo as bombas cada día. Con todo, hai xornadas como o 5 de marzo, cando Israel lanzou unha alerta de evacuación para a totalidade de Dahie, nos que toda a cidade era insegura.
—O Líbano é unha sociedade heteroxénea. Hai cohesión?
Creo que é unha cuestión moi exaxerada nos medios de comunicación, que estamos divididos e que non podemos convivir uns cos outros, eu non o creo. Hai diferentes grupos relixiosos ou políticos, si, mais creo que, especialmente as novas xeracións, poden entender as diferenzas, e máis con toda esta situación. Teño amizades con diferentes historias de vida, diversos contextos e perfís, e non temos problemas con iso, a sociedade está unida, moito máis nos momentos difíciles como este, nos que a nosa sociedade sempre se une.
—Cal é a percepción de Israel?
Non é unha cuestión maioritaria, mais moita xente no Líbano ten moito rencor contra Israel e non quere un achegamento con eles. E outra parte o que quere é a paz. E despois hai quen está entre estas dúas posicións, nunha especie de neutralidade, que non quere estar en guerra con Israel mais tampouco completamente en paz, falo de xente que o único quere é poder vivir a súa vida, como unha persoa de calquera outra parte do mundo, e acabar dunha vez con isto.
—A xente cre que é posíbel unha negociación sincera con Israel e que realmente respecte a soberanía e o territorio do Líbano?
Xa houbo unha negociación e xa houbo un cesamento do fogo, e seguiron bombardeando, probabelmente co ánimo de facerse con parte do noso territorio e integralo no seu Estado. Aínda non teñen o seu mapa do 'Grande Israel', polo que creo que queren facerse con toda a rexión, non tan só co Líbano. Hai xente que non o pensa, que di que é propaganda para oporse a Israel, mais isto non é así, queren todos os recursos da rexión porque non teñen os suficientes.
"A intención de Israel é facerse con todos os recursos de Oriente Medio"
—Tendo isto en conta, a xente do Líbano pensa que as accións de Hezbolá están lexitimadas?
Hai xente que considera que si, mais o Goberno, agora que comeza outra guerra, acaba de facer un novo movemento, unha declaración para desarmar Hezbolá e ilegalizar a súa parte militar alegando que non forma parte do Estado. É novo porque é algo que nunca pasara, e isto preocupa moito á sociedade porque pode xerar tensións moi complicadas.
A xente pode ser máis ou menos favorábel a Hezbolá, mais considera que é a única defensa que ten o Líbano, porque o Exército non ten ningunha capacidade práctica. O que eu percibo é que a maioría da sociedade está a favor de Hezbolá porque eles son a única maneira que temos para frear os ataques de Israel, e moito máis despois de ver o que pasou este ano e que os bombardeos non teñen ningún límite. Mais á hora de expresar libremente a súa opinión hai xente que se ve un pouco coartada. Sobre todo pasa entre as comunidades cristiáns, hai moita xente que está a favor mais poñen o freo á hora de dicilo.
—E como se ven socialmente os intentos diplomáticos para intentar frear a agresión israelí?
Antonte o presidente dixo que quería desenvolver negociacións directas con Israel, pode que en Chipre, mais creo que a parte israelí non está interesada en ningunha mediación para o diálogo. Aínda estamos no comezo e nin sabemos se a negociación vai ter lugar nin onde, mais esperemos que a diplomacia non tarde moito.
—Entón, negociar é ben percibido, mais abandonar as defensas do país para defenderse non o é.
Creo que o máximo que podemos conseguir é un cesamento do fogo permanente entre as dúas partes, mais temos que conservar as nosas defensas fortes. Digamos que o Goberno non quere un Hezbolá armado, entón tes que traballar nunha defensa estratéxica para o país, non podemos perder isto.
Se queres desarmar Hezbolá, pois vale, entón temos que fortalecer as nosas defensas e ter un armamento. É nese momento cando poderás desarmar Hezbolá e deixar que se converta simplemente nun partido político. Incluso Hezbolá di isto: "Se non queres que teñamos armas, prepara unha defensa estratéxica libanesa para que poidamos vivir pacificamente". É sabido que o Exército libanés non ten capacidades, non poden defender o país e nin sequera teñen sistemas de defensa aérea. Necesitamos un plan para ter unha soa defensa e non dúas, e isto será nun futuro, porque esta transición exixe unha preparación.
—E cal é a visión libanesa a respecto da situación en Palestina?
A causa palestina é a nosa causa, e tamén a de Oriente Medio, porque empeza por Palestina e despois chéganos a nós. Agora desde o Líbano é algo complicado porque temos a guerra nas nosas casas, mais a idea de apoiar Palestina implica frear o expansionismo israelí evitando que chegue ao teu territorio. É unha causa compartida aínda que se lle chame causa palestina.
—Mirando ao norte, como afecta a situación que atravesa Siria?
Desde o comezo da guerra en Siria recibimos máis dun millón de refuxiados. Son moitos para o noso pequeno territorio. Moitas das persoas que chegaron daban apoio ao réxime actual, a quen agora é líder de Siria, entón unha boa parte da sociedade libanesa pensa: "Por que non volven alí?". E agora Israel está aproveitando o novo réxime para lanzar operacións contra o Líbano a través do territorio sirio, porque están permitindo usar o seu territorio e o seu espazo aéreo. Israel pode facer o que quere a través de Siria; entón, no Líbano, a opinión xeneralizada é que o novo réxime sirio é un proxy de Israel.
"Israel pode facer o que queira a través de Siria, o novo réxime é o seu proxy"
—Existe preocupación polas consecuencias que poida ter para o Líbano a guerra lanzada por Israel e os EUA contra Irán?
Non cremos que Irán vaia caer, acaban de escoller un novo líder en medio dunha guerra como esta, demostran forza ao facer isto, que teñen un Estado robusto. E no Líbano, creo que Hezbolá é capaz de defender o territorio moi ben, a nova guerra é unha proba disto, e levan 40 anos facéndoo. No último cesamento do fogo acordouse eliminar o armamento de Hezbolá do sur do país, e eles cumpriron co que foi asinado. Mais agora, os guerreiros de Hezbolá están loitando contra os soldados de Israel na mesma fronteira, cara a cara. Eu espero que esta sexa a última guerra con Israel, porque hai unha gran destrución no sur do país, e desde a última guerra, a do ano 2024, non tivemos moito tempo para reconstruír o noso territorio. Esperemos que todo mellore, mais todo depende do que aconteza.

