A dereita venezolana desconvoca a manifestación contra Chávez

No canto farán un mitin no Parque de Miranda.
Manifestante portando cartaz contra Nicolás Maduro
photo_camera Manifestante portando cartaz contra Nicolás Maduro

Os grupos da oposición en Venezuela anunciaron mudanzas na súa axenda política para os vindeiros días. Após a multitudinaria manifestación desenvolvida en Caracas o pasado día 11 en solidariedade co presidente Hugo Chávez, a dereita venezolana convocara para esta cuarta feira (23 de xaneiro) unha manifestación "a prol da democracia".

A Mesa de Unidad Democrática, liderada polo gobernador de Miranda Henrique Capriles, pretendía amosar os seus apoios cun baño de masas na data en que se cumpren 55 anos da chegada da democracia ao país tras a caída do dictador Marcos Pérez Jiménez. Porén, o Partido Socialista Unido de Venezuela decidiu convocar de maneira paralela unha mobilización en conmemoración da data e en homenaxe ao movemento cívico-militar que decorrou a Pérez Jiménez, decisión esta que teria provocado --segundo fontes oficiais da MUD-- a non convocatoria da manifestación.

A Mesa de Unidad Democrática asegurou en declaracións a Globovisión que tiñan "indicios suficientes" de que o PSUV "ten claras intencións de tomar as rúas da capital co propósito de promover actos violentos", afirmaron, polo que decidiron finalmente trocar a mobilización por un acto máis reducido en forma de mitin que terá lugar nos arredores do Parque de Miranda.

Desde a recaída do presidente venezolano na súa enfermidade, os grupos da oposición agrupados baixo a coalición da MUD mantiveron un posicionamento moi crítico coas decisións adoptadas desde o goberno bolivariano. A manifestación convocada pretendía servir de mostra pública dos seus apoios, mais finalmente ficará nun acto no que proxectar "unha mensaxe coa visión do presente e do futuro" de Venezuela "sen divisións, sen exclusións e sen discriminacións" asegurou o secretario executivo da MUD, Ramón Guillermo Aveledo.

"Chávez está saíndo do postoperatorio"
O vice-presidente da República, Nicolás Maduro, asegurou esta fin de semana que o presidente Chávez "vai entrar nunha nova fase de tratamento" segundo as indicacións da equipa médica que fai seguimento da súa recuperación na Habana. Aliás, Maduro amosou o seu convencemento de que o líder bolivariano "máis cedo que tarde vai estar aquí [en Venezuela]".

Comentarios