Roberta Metsola, a quen a esquerda acusa de "antifeminista", nova presidenta do Parlamento europeo

A maltesa é coñecida en Europa pola súa firme postura en contra do aborto, malia que afirma que, como presidenta, asumirá os mandatos comunitarios.
A maltesa Roberta Metsola, en primeiro plano, na sesión da segunda feira do pleno da Eurocámara (Foto: Philipp Von Ditfurth/DPA).
photo_camera A maltesa Roberta Metsola, en primeiro plano, na sesión da segunda feira do pleno da Eurocámara (Foto: Philipp Von Ditfurth/DPA).

O pleno do Parlamento europeo elixiu esta segunda feira á conservadora maltesa Roberta Metsola como nova presidenta da institución para o que resta de lexislatura, dous anos e medio, logo de que o Partido Popular Europeo (PPE) lograse o apoio para a súa candidata dos Socialdemócratas (S&D) e dos Liberais (RE; Renovar Europa).

Metsola gañou a primeira volta da votación celebrada en Estrasburgo (Francia) e impúxose así a outras dúas mulleres, a candidata da Esquerda Europea, a  deputada de Esquerda Unida Sira Rego, e a exministra sueca de Cultura e Democracia Alice Bah Kuhnke, candidata dos Verdes.

A 'popular' maltesa logrou unha cómoda maioría de 458 votos a favor na rolda secreta de votación, mentres que Kuhnke sumou 101 apoios e Sira Rego 57, segundo anunciou o vicepresidente da Eurocámara a cargo da votación, o socialista portugués Pedro Silva Pereira. O único candidato masculino, o polaco Kosma Zlotowski dos Conservadores e Reformistas Europeos (ECR; o grupo das formacións ultraconservadoras), decidiu finalmente retirar a súa candidatura antes da rolda de votacións, o que favoreceu o apoio do grupo á candidata 'popular'.

Co nomeamento da candidata do PPE como presidenta da Eurocámara, os socialdemócratas —que non presentaron candidato alternativo— deixan de ter representación entre os principais cargos da UE, que se reparten os conservadores, con Ursula von der Leyen na Comisión Europea e Metsola no Parlamento, e os liberais, con Charles Michel no Consello.

Roberta Metsola é a primeira muller que ocupa a presidencia da Eurocámara desde 2002

Metsola, que este mesmo martes cumpre 43 anos, convértese así na primeira muller en vinte anos que é nomeada presidenta do Parlamento europeo —só o conseguiron antes as francesas Simone Veil e Nicole Fontaine— e tamén na persoa máis nova en ocupar o cargo. A 'popular' maltesa sucederá no cargo ao socialista italiano David Sassoli, falecido o pasado 11 de xaneiro e cuxa substitución estaba xa prevista para esta semana porque os mandatos dos presidentes da Eurocámara teñen dous anos e medio de duración.

Críticas pola súa posición "antifeminista" e contra o aborto

O PPE fixo valer o respecto dos equilibrios dentro da repartición de cargos na UE coa candidatura dunha muller nova e procedente dun país pequeno do sur de Europa para gañar apoios entre outros grupos. Con todo, Metsola atopou as críticas da Esquerda e Os Verdes, que puxeron en dúbida o seu compromiso co feminismo e os dereitos fundamentais polos seus reiterados votos en contra do dereito ao aborto e dos dereitos sexuais da muller na UE.

A política conservadora defendeu nas súas últimas intervencións e no seu primeiro discurso tras ser elixida presidenta que asumirá como propias as posicións da Eurocámara, tamén en áreas nas que como eurodeputada discrepou. "A miña posición é a do Parlamento, e sobre esta cuestión, este Parlamento foi inequívoco: pediu de forma repetida que estes dereitos se protexan mellor", insistiu, nunha rolda de prensa posterior, preguntada polas contradicións entre a súa posición persoal e a da Eurocámara.

Metsola, ademais, anunciou a súa decisión de non exercer o seu dereito a voto no Parlamento europeo mentres ocupe o cargo de presidenta. "Xusto o mes pasado subliñamos o acceso aos dereitos sexuais e reprodutivos como unha parte esencial para lograr a igualdade de xénero e eliminar a violencia de xénero. Esta é a posición desta casa e comprométome ante todos vostedes a que esta posición será a que impulsarei, como xa fixen como vicepresidenta cando se me confiou a presidencia desta casa", resolveu.

Nas intervencións previas á votación, a candidata da Esquerda europea, Sira Rego, avisou de que a Eurocámara non debe dar "nin un paso atrás" nos dereitos das mulleres europeas nin no seu dereito a decidiren sobre o seu corpo, á vez que criticou que a dereita europea sexa "demasiado permeábel" aos propósitos da extrema dereita.

A controvertida posición de Malta en relación ao aborto paira sobre a nova presidenta do Parlamento. En 2004 o país entrou na Unión coa condición de non asumir as políticas comunitarias en materia de dereito ao aborto. Metsola é, a ollos da Eurocámara, unha fervente antiabortista.

Comentarios