Xunta externaliza por 350.000 euros o tratamento de 5.000 expedientes con datos persoais

CIG solicitou información sobre o proceso de licitación e lembrou que as tarefas externalizadas poden ser desenvolvidas por persoal propio da Xunta

San Caetano, Xunta da Galiza
photo_camera San Caetano, Xunta da Galiza

O sector da Autonómica da CIG-Administración denuncia unha nova externalización na Xunta de Galiza, pola vía de recorrer a persoal alleo á función pública para facer traballos que pode desenvolver o persoal propio. Así se deriva da publicación no DOG do anuncio de licitación para a contratación do servizo para o apoio nas tarefas de análise e sistematización dos expedientes propios do Xurado de Expropiación de Galiza. O valor estimado do contrato é de 346.156,40 euros e o prazo de execución de 12 meses, con posibilidade de prórroga. Para isto, din “non existen tantos remordementos orzamentarios, como para facer uso das listas de contratación”.

Son expedientes do Xurado de Expropiacións da Galiza, polo que "se están a manexar datos persoais desde unhas mans que son alleas ao deber de sixilo e ao coñecemento da normativa e do funcionamento das Administracións"

Consoante a información do prego de cláusulas técnicas, o obxecto do contrato é o tratamento duns 5.000 expedientes (escaneado e marcaxe, obtención de datos xerais de expropiación, carga de datos, análise, obtención de datos do mercado...). Para iso demándase, como mínimo, 1 administrativo/a e 4 persoas con algunha das seguintes titulacións: arquitectura, arquitectura técnica, enxeñería superior, enxeñería técnica forestal, enxeñería técnica agrícola ou licenciado/a en Dereito. “Todas elas categorías para as que existen profesionais dentro da propia Xunta e, no caso de que for necesario, listas de contratación”, indican desde a Autonómica.

Denuncian que se trata dun mecanismo para externalizar, desta volta “deixando aparcados os empregados e empregadas públicas nas funcións que lle son propias: as asistencias técnicas” e engaden que “para este xeito de entender os servizos públicos non existen tantos remordementos orzamentarios como para facer uso das listas de contratación”.

A isto engaden que do punto de vista económico, unha asistencia técnica adoita cobrar bastante menos que o persoal propio mais, advirten, “o resultado final é moito maior xa que se atopa unha desmesurada plusvalía para a empresa adxudicataria; unha empresa que funciona como unha ETT”.

Por outra banda, denuncia os requisitos da lei de protección de datos, xa que se están a manexar datos persoais nos expedientes de expropiación desde unhas mans que son alleas ao deber de sixilo e ao coñecemento da normativa e do funcionamento das Administracións públicas, propio das empregadas e empregados públicos.

Opacidade

O sector da Autonómica da CIG-Administración solicitou información sobre este proceso de licitación, dada a “opacidade” deste tipo de contratos; porque parte do que se pretende encomendar a través deste contrato pode ser desenvolvido por persoal propio e porque de aí se deriva unha problemática laboral de indefincións, “sen que se exixa ningún tipo de responsabilidade política ou penal”.

Demandan ademais información sobre a xustificación técnica, en que conste que non poden ser asumidas por medios propios, así como as medidas que cómpre adoptar para evitar futuros problemas de demandas laborais de indefinición.

“Non entendemos compatíbeis”, afirman “os continuos recortes sobre os empregados e empregadas públicas co mantemento e potenciación de determinadas figuras de externalización dos servizos públicos, non sendo que o que se busque sexa acabar coa figura do empregado e empregada pública para fomentar o negocio cos servizos públicos e a arbitrariedade na súa xestión”.

Comentarios