Un rebentón nunha canle de Endesa no Bierzo provoca unha preocupante crecida no Sil

O río xa anegou terreos dedicados ao cultivo e está próximo a chegar ás vivendas ao seu paso por Valdeorras e terras de Quiroga. A rotura das infraestructuras de Endesa en Toreno (León) e as intensas chuvias, que non son retidas nos montes queimados no verán, provocaron unha rápida crecida.
Crecida Sil
photo_camera Crecida Sil

Na mañá de onte venres producíase ás 11.15 unha rotura nunha grande canle que transporta 30 metros cúbicos de auga por segundo na localidade berciana de Toreno. Isto fixo que se anegaran terreos lindeiros, un burato de 10 metros no muro de contención, e un cráter de oito metros na ladeira.

A voz de alarma deuse horas antes cando un veciño avisaba aos servizos de emerxencia dunha fisura que cada vez era mais grande e que tiña perigo de acabar co muro de contención. Endesa apresurouse a emitir un comunicado no aseguraba que “non soportou a presión das últimas chuvias e a media mañá, arrancou unha sección de formigón entre dúas xuntas de dilatación”.

Este importante aporte de auga xunto coas intensas chuvias, fai que o Sil estea ao límite nas decenas de encoros que ten ao seu paso polo Bierzo e o oriente ourensán. Asemade, os montes arrasados polo lume no pasado verán non son quen de filtrar a auga, co conseguinte arrastre da cinza e refugallos que acaba no río. Un punto quente atópase en Montefurado ao teren que o Sil atravesar o túnel romano no que se ateiga xa unha morea de lixo, pólas e árbores.

Ao seu paso pola capital valdeorresa, non tería que crecer moito para que campe ás anchas polo Paseo do Malecón, o que preocupa á veciñanza do Barco, que enchía esta mañá as beiras para rexistrar o espectáculo cos seus smartphones. Malia a iso, as autoridades din que se está lonxe do perigo, pero que as precaucións que se tomen han ser poucas.

A compañía eléctrica asegurou que xa abriu unha investigación na mesma xornada de onte, e, pese a dicir que a canle de Santa Marina “foi modernizada en sucesivas ocasións”, o alcalde de Toreno, Pedro Muñoz, dixo que “a compañía debería facer as cousas como deben facerse para evitar accidentes” e lembrou que é a terceira rotura da canle de Santa Marina en 13 anos. Pola súa parte, Endesa, di que a canle, “como todas as do Sil, ten implantado un procedemento de vixilancia diaria mediante a que se recorren as infraestructuras observando o estado das mesmas”.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Galiza
comentarios