Rajoy di que non subirá o IVE de inmediato

Sen constituíren unha declaración oficial, as palabras de Mariano Rajoy indican que o seu executivo non seguirá de xeito inmediato as indicacións do FMI de subida do IVE. Tiroulle relevancia e situou na normalidade o informe do Fondo.
Mariano Rajoy
photo_camera Mariano Rajoy

De xeito informal, o presidente do goberno español, Maríano Rajoy afirmou que non ía facer caso de xeito inmediato ás urxentes medidas reclamadas no seu recente informe polo FMI. Sitúa nas próximas medidas do seu goberno a reforma da administración pública e non a subida de impostos e o recorte de salarios que onte reclamara o organismo internacional.

Para o presidente Rajoy, a publicación do informe do organismo presidido por Christine Lagarde entra dentro do funcionamento normal do organismo e sinalou que, desde o goberno a situación está “baixo control”.
Cun parlamento orientado a defender “máis Europa”, nunha das poucas intervencións do xefe do executivo español desde que se anunciou a solicitude de rescate bancario, Rajoy afondou na necesidade de reducir o déficit e non “vivir por riba das nosas posibilidades”.Asegurou que o goberno ía continuar coas “reformas” pero insistiu en que a subida do IVE non ía ser inmediata.
O FMI advertira que o goberno español non podía agardar para o próximo ano para a subida de impostos e que compría activar o incremento do IVE e outros xuros que gravan o consumo, medidas que non viñan senón confirmar a liña na que o executivo español estaba a traballar, acorde coas indicacións. A institución dirixida por Lagarde reclamaba unha lexislación inmediata para estas medidas, en especial, a subida do IVE, redución de salarios do sector público e eliminación de beneficios como a redución fiscal por merca de vivenda.

Comentarios