De acordo coa interpretación que fai a FPG, Ferrín cae pola acción de diversas forzas. Por un lado, "a prensa de extrema dereita española". Por outro, o que cualifica como "neopiñeirismo" vinculado a Compromiso por Galicia (en obvia alusión ao sector de Henrique Monteagudo) e "parte do BNG", que non identifica.
A FPG non esclarece se esa acción foi combinada ou non.
De acordo co relato deste partido integrado na coligación AGE (formada por Anova e IU, organización da esquerda española liderada polo PCE), nen o neopiñeirismo nen o "nacionalismo pequeno burgués e esencialista que aínda rexe en boa parte do BNG" viron con bos ollos o envolvimento de Ferrín na campaña eleitoral. E, portanto, vén a argumentar a FPG, moveron as súas pezas para precipitar a queda do escritor de Con Pólvora e Magnolias.
A FPG si entra a descualificar as acusacións deitadas contra Ferrín e tíldaas de "falsidade". Isto contrasta co comportamento do literato ourensán, que en ningún momento deu a menor explicación pública face, por exemplo, a política de contratación que tería levado á entrada no cadro de persoal da RAG de familiares directos do núcleo dirixente.
Para a FPG, a marcha de Ferrín é "a última lección do mestre", a quen retratan "en garda contra o fascismo, en garda contra os aprendices de Ramón Piñeiro e García Sabell, en garda contra o galeguismo esencialista e pequeno burgués".
Curiosamente, o grupo neopiñeirista ao que ataca a FPG promove agora como candidato alternativo ao do sector ferriniano a un militante do Partido Comunista de España, organización da esquerda española coa que o independentista partido de Ferrín cohabita no seo de AGE.