"Organización, loita, soberanía" no VI Congreso da CIG

A central sindical nacionalista celebrará esta fin de semana o seu VI Congreso Confederal marcado polas consecuencias da crise e o "empobrecemento da poboación en xeral e da clase traballadora en particular”. Vídeo no interior

photo_camera Detalle do cartaz do congreso

No marco dunha crise sistémica e cunha realidade política que está a deixar sen boa parte dos dereitos conqueridos á clase traballadora, a CIG celebrará o seu VI Congreso Confederal os vindeiros 25 e 26 de maio. A central nacionalista chama á clase obreira a se organizar e loitar para facerlle fronte a todas as "políticas regresivas" que se están impoñendo. Mais tamén, sinalan, para exixir un outro modelo "máis democrático e participativo" que achegue as institucións á cidadanía. 

Así o explicaron esta segunda feira o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e o secretario de Comunicación, Francisco Miranda Vigo. En comparecencia de imprensa os dirixentes sindicais debullaron as ideas que se tiran do lema escollido para encabezar o conclave e que "pretende sintetizar", aseguraron, "os obxectivos" para os vindeiros catro anos. 

A central nacionalista chama á clase obreira a se organizar e loitar para facerlle fronte a todas as "políticas regresivas" que se están impoñendo

O Congreso renovará os órganos de dirección da central sindical entre eles a Executiva e a Secretaría Xeral. Á espera de que remate o prazo para a presentación de candidaturas a vindeira quinta feira,  Suso Seixo avanzou que se presentará como candidato mais asegurou descoñecer se á Executiva confederal concorrerá máis dunha candidatura. No entanto, salientou que a organización se atopa "moi cohesionada" como reflectiu, dixo, o "amplo consenso" acadado no debate dos relatorios de Organización e Acción Sindical. 

Organización e loita fronte o "pacto social"

Mellorar o sindicato para que "sexa unha ferramenta o máis eficaz posíbel para dar resposta" ás necesidades da clase traballadora galega. Este é un dos obxectivos que a Confederación Intersindical Galega (CIG) se fixa de cara ao seu VI Congreso. Neste senso, Suso Seixo salientou a necesidade de "dar resposta" aos ataques lanzados desde a Xunta de Galiza, o Goberno español e a UE mais non "con loitas de carácter espontáneo" senón a través dunha necesaria organización. 

Aliás o secretario xeral da CIG criticou máis unha vez "o pacto social" defendido por outras organizacións sindicais do que dixo emanan posicións desmobilizadoras das que sempre viñeron acompañadas, salientou, "a cesión de dereitos". Fronte a isto, Seixo apelou á "loita" e á "organización" da clase traballadora como ferramentas para combater a actual realidade social, política e económica da que dixo, Galiza só pode saír se ten soberanía. 
“Precisamos soberanía", indicou para poder decidir "en políticas fiscais, financeiras e laborais” salientou. 

Comentarios