LOITA ARMADA

Rajoy: ''Espero a disolución de ETA, mais non me vou mover''

O Goberno español fai oídos xordos aos pronunciamentos da comunidade internacional que recomendan emprender o diálogo coa organización, pasa por alto o cesamento definitivo da loita armada e insiste en que ''mentres non se disolvan, seguen a ser terroristas''

Aínda non pasou unha semana desde o pronunciamento da Comisión Internacional de Verificación en que lle fixeron ver ao Goberno español que ETA estaba disposta a emprender un diálogo na procura dunha solución definitiva, e Mariano Rajoy xa deixou claro en Bilbo que non contempla facer "nada" se non se producir previamente a disolución da organización armada.

Con ese obxectivo no punto de mira, o líder da dereita española dixo que seguía a lle outorgar valor á decisión tomada por ETA o 20 de outubro, mais reiterou a súa mensaxe de inmobilismo. Perante as e os asistentes, Rajoy insistiu en que cando coñeceu o cesamento definitivo da loita armada "dixen que me parecía ben, non foi unha mala noticia", pese a que moitos sectores políticos e medios de comunicación próximos ao PP restáronlle valor a aquela decisión, obviando a súa repercusión histórica. Porén, o presidente do goberno central repetiu o que xa dixera en outubro, que "isto non rematará até o anuncio da disolución definitiva e incondicional", e engadiu agora que non ten intención de dar ningún paso para facilitar ese horizonte.

"Este Goberno non se vai mover porque non ten ningún compromiso con ninguén, porque nunca negociou con ninguén", argumentou o presidente do PP pese aos chamamentos da comunidade internacional que coinciden na necesidade de iniciar un diálogo coa organización armada. O máis recente foi o lanzado polos verificadores coordinados por Ram Manikkalingam o día 4, cando indicaron na súa visita a Euskal Herria que fai falta flexibilidade e contactos para superar o debate sobre a disolución. Mais Rajoy fixo oídos xordos e insistiu: "Mentres non se produza a disolución, ETA é unha organización terrorista".

Comentarios