AUTODETERMINACIÓN

A esquerda independentista presenta o seu modelo socioeconómico para a Euskal Herria soberana

Cadrando co 1º de Maio, a esquerda abertzale, EA, Aralar e Alternatiba divulgan a súa proposta para unha Euskal Herria soberana, con que poderán obterse ''os recursos e as ferramentas necesarias que garantan que poidamos respostar ás necesidades da cidadanía''

A esquerda abertzale, EA, Aralar e Alternatiba divulgaron esta terza a súa nova proposta socioeconómica para facer fronte á actual situación de crise que azouta Euskal Herria. A través da páxina web Haysalida.net, as formacións independentistas colocan un país soberano na base desta iniciativa, con que poderán obterse "os recursos e as ferramentas necesarias que garantan que poidamos respostar ás necesidades da cidadanía".

Así as cousas, o texto está articulado en catro apartados en que se analizan a situación actual de Euskal Herria, o Estado español e o resto do mundo; as "bases do proxecto estratéxico"; a "necesidade" da soberanía económica, e os "ámbitos de actuación e propostas para un modelo económico e social en Euskal Herria". Explícase, xa que logo, que a crise e os cambios políticos supoñen "unha oportunidade" para chegar a novos acordos ao redor do modelo de desenvolvemento, partindo da idea de que non só estamos a enfrontar unha crise económica, senón tamén ecolóxica e social.

"En Euskal Herria as maiorías sociais e os niveis de concienciación e organización permiten abandonar este sistema depredador de persoas e de bens naturais e pór en marcha outro xusto, solidario e sustentábel", sinala o manifesto, en que se explica que xustamente para conseguir estes puntos "é para o que precisamos a soberanía" e en que se avoga pola consecución dun acordo estratéxico entre as forzas de esquerda e abertzales "en torno ao obxectivo de estabelecer un modelo de redistribución solidaria do produto social". Segundo as organizacións abertzales, a crise actual demostra que o proxecto independentista "é máis necesario que nunca".

Comentarios