martes 28/09/21

A Xunta promete a Ferrol a segunda zona franca da Galiza á que aspiraba A Coruña

A Xunta propón crear en Ferrolterra unha zona franca, a segunda da Galiza, para relanzar a economía da comarca e diluír a súa responsabilidade na situación actual
Vista das instalacións portuarias da ría de Ferrol, coa planta de Reganosa e Forestal Atlántico en primeiro plano (Foto: Reganosa)
Vista das instalacións portuarias da ría de Ferrol, coa planta de Reganosa e Forestal Atlántico en primeiro plano (Foto: Reganosa)

A Xunta rescata a idea de crear unha segunda zona franca na Galiza. Faino en forma de promesa, como xa fixera Alberto Núñez Feixoo, presidente do Goberno galego, nas municipais de 2019, e novamente con Ferrol como firme candidato do Executivo. Con todo, a creación dunha zona franca depende do Executivo español, que é quen ten a competencia nesta materia. 

Sabedor desta circunstancia, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, aproveitou a reunión que mantivo esta terza feira con alcaldes da comarca de Ferrolterra para amosar "a súa máxima colaboración" na consecución deste obxectivo que, como indicou, suporía tamén a inclusión do seu porto na rede transeuropea de transportes. 

A zona franca permitiría a Ferrol incrementar o seu atractivo no comercio exterior, un ámbito no que está a experimentar un forte crecemento da man das novas liñas de contedores a Caneliñas. Esta figura permite operar con mercadorías como se estivesen fóra do territorio aduaneiro e, polo tanto, evitando restricións ao comercio, aranceis e gravames nacionais como o IVE e os impostos especiais.

A idea da Xunta é incluír esta petición á súa proposta de Pacto de Estado para buscar solucións á crise industrial, laboral e social que vive a comarca de Ferrolterra, unha folla de ruta na que o Executivo galego marca os proxectos estratéxicos que, ao seu xuízo, debería impulsar o Goberno español, no que se escuda para tratar de ocultar a súa falla de previsión e de proxecto industrial para esta comarca.

A Coruña tamén a quere

Coa súa proposta, a Xunta deixa de lado as aspiracións da Coruña, que xa conta no seu porto cun depósito franco de 4.000 metros cadrados, de abandeirar a segunda zona franca da Galiza. A proposta tamén xurdiu en 2019 e fora moi ben acollida polas distintas administracións. 

Ao seu favor, ao contrario que en Ferrol, onde o porto exterior de Caneliñas non dispón de moito espazo, xoga o feito de ter unha gran bolsa de terreo dispoñíbel, tanto en Punta Langosteira como nos polígonos de Morás (Arteixo) ─o maior da Galiza─ e o de Vío (A Coruña), ambos os dous aínda por desenvolver. 

Tamén cabe a posibilidade de que ambos os territorios aposten por crear unha zona franca conxunta, retomando a idea lanzada no seu día polo catedrático de Economía da UDC e ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe, de camiñar cara a unha integración de ambos os portos, dada a súa complementariedade en tráficos.

Argumentos para que o Ministerio de Facenda acceda a esta petición non faltan. Na actualidade hai sete zonas francas en todo o Estado español, unha delas en Vigo. Galiza sería o terceiro territorio en contar con dúas zonas francas despois das Canarias (Gran Canaria e Tenerife) e Andalucía (Cádiz e Sevilla).

O Arco Ártabro, zona que comprende os territorios entre A Coruña e Ferrol, é o principal motor económico da Galiza, con máis da metade da facturación das empresas galegas. Ademais, cando se lanzou a proposta, era un dos catro territorios máis exportadores, xunto con Barcelona e o sur da Galiza, que xa contan coas súas respectivas zonas francas, e Valencia, que renunciou a ela no seu día por considerar o proxecto "inviábel".

Empresas beneficiadas

A proposta de creación dunha zona franca en Ferrolterra vai aparellada a outros plans da Xunta para a comarca, como o da creación dun polo enerxético liderado por grandes firmas como Endesa, ligado á produción de biocombustíbeis; Reganosa, consolidando a presenza do gas natural licuado (GNL) na ría; a xeración de hidróxeno verde ou a potenciación da eólica mariña. Todas elas, xunto con Forestal Atlántico, empresa do Grupo Tojeiro (Gadisa), socia da Xunta en Reganosa, serían algunhas das grandes beneficiadas no caso de prosperar a idea. 

Dáse a circunstancia de que moitos destes proxectos dependen do reparto dos fondos europeos Next Generation por parte do Goberno estatal, que no caso da Galiza se xestionarán a través dun ente público-privado no que están representadas a Xunta, Abanca e a propia Reganosa.

comentarios