O maior polígono industrial da Galiza comeza a carburar case dúas décadas despois

Case dez anos despois da aprobación do plan sectorial e case dúas décadas da sinatura do convenio para a súa creación, o polígono de Morás (Arteixo), o parque empresarial máis grande da Galiza, está listo para acoller as primeiras empresas. A Xunta prevé realizar a poxa de 36 parcelas a vindeira semana.
Cartel indicador no Polígono de Morás, en Arteixo (Foto: Arxina)
photo_camera Cartel indicador no Polígono de Morás, en Arteixo (Foto: Arxina)

En 2021 fanse 20 anos desde a firma do convenio entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e o Concello de Arteixo para a construción do maior polígono industrial da Galiza. Case dúas décadas despois de comezar as obras (iniciáronse en 2008), ese parque industrial prepárase para acoller os seus primeiros moradores. 

A pasada segunda feira, o polígono de Morás botaba definitivamente a andar coa recepción por parte do Concello de Arteixo das obras de urbanización da denominada fase A, que abrangue unha superficie de 554.002 metros cadrados dos que case 317.000 metros corresponden a 60 parcelas de uso industrial e comercial, con superficies que van desde os 1.000 aos 105.000 metros cadrados. 

Segundo avanzou o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, no transcurso do acto formal de recepción, a idea do Goberno galego é iniciar a próxima semana a poxa de 36 parcelas, que suman unha superficie útil de 132.000 metros cadrados e que terán unha bonificación no prezo final de 30% co gallo de "facer máis accesíbel este solo industrial localizado nun lugar privilexiado e cunhas comunicacións por estrada excelentes”, destacou o delegado da Xunta.

O ex alcalde leva a primeira parcela

Con todo, estas 36 parcelas non serán as primeiras en adxudicarse. O alcalde de Arteixo que asinou o convenio, Manuel Pose (PP), foi o mesmo que comprometeu o primeiro desembarco dunha empresa no polígono arteixán, neste caso de Aluman, da que é presidente. Foi en setembro de 2017 cando Xestur adxudicou 105.969 metros cadrados ao grupo construtor, actualmente asentado no veciño polígono de Sabón.

Precisamente, a falta de solo en Sabón, en parte como consecuencia do proceso expansionista da multinacional Inditex, que ten alí a súa sede, é un dos motivos que levaron o entón rexedor de Arteixo a solicitar á Xunta de Manuel Fraga a construción deste polígono, chamado a ser o máis grande da Galiza ─a superficie total superará o millón de metros cadrados, podendo nun futuro chegar até os catro─.

En total, nestes anos a Xunta investiu preto de 95 millóns de euros na creación deste novo polo empresarial, incluíndo tamén servizos e infraestruturas de comunicación.

Sobrecustos e paralización

Os inicios foron complicados. O convenio asinouse en 2001, pero as obras non comezarían até sete anos despois. Os traballos foron adxudicados á Unión Temporal de Empresas formada polas empresas Puentes y Calzadas e Daviña. Mais a súa oferta, como se demostrou tempo despois, incorreu nunha baixa temeraria (os traballos adxudicáronse por 33,2 millóns de euros, moi por debaixo dos 52,2 da licitación), o que levou a Xunta a ter que aboar máis de seis millóns de euros en sobrecustos.

En 2012 as obras paralizáronse por mor da crise económica e non se retomarían até 2017. Na actualidade están en execución os traballos de urbanización da fase B, que contan cun orzamento global de 14,5 millóns de euros e afectan a 598.360 metros cadrados de superficie, dos que 498.365 metros son de superficie útil que se reparte en catro parcelas, unha das cales xa está reservada pola Corporación Hijos de Rivera, propietaria da marca de cervexas Estrella Galicia, que elixiu o polígono para crecer fóra da cidade da Coruña.

Falla de planificación

O de Morás é un dos moitos polígonos construídos pola Xunta  que non acaban de despegar. De feito, xa en varias ocasións Xestur intentou sen éxito a colocación das parcelas entre potenciais empresas interesadas.

Entre as principais bazas deste parque empresarial e comercial están a súa proximidade ao porto exterior da Coruña, as excelentes conexións coa autoestrada a Carballo (AG-55) e a autovía A-6, xunto co tamaño das súas parcelas. 

Por contra, está moi próximo ao polígono de Vío, un parque promovido polo empresario Manuel Jove a través da súa sociedade Inveravante e que en 2013 foi designado como plataforma loxística do porto exterior coruñés, con posibilidade de conexión ferroviaria incluída. Tamén a poucos quilómetros está o polígono da Laracha, até hai uns anos practicamente baleiro, cando Inditex anunciou a construción dun almacén loxístico. 

Esta realidade evidencia unha descoordinación e falla de previsión industrial na comarca coruñesa. Aínda así, Morás está chamado a ser un polo industrial de referencia no país. Falta agora que as empresas respondan á chamada da Xunta e comecen a encher o que durante décadas foi unha grande explanada baleira.

Comentarios