A Xunta autoriza estes tres novos parques eólicos na Estrada, Boiro e Lugo

Dous proxectos son de Norvento e o terceiro, de Naturgy.
Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, comarca de Ourense. (Fotos: Agostime / Europa Press).
photo_camera Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, comarca de Ourense. (Fotos: Agostime / Europa Press).

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publica esta quinta feira os anuncios da Xunta nos que autoriza tres novos parques eólicos, os denominados Monte Xesteiros, no municipio da Estrada (Terra de Montes); Barbanza, en Boiro (comarca do Barbanza), e mais Monte Contado, entre os municipios de Lugo e Castroverde.

No tocante ao parque Monte Xesteiros, promovido por Norvento, a Consellaría de Economía, Industria e Innovación outorga a autorización administrativa previa. Conta con seis aeroxeradores e ten unha potencia global de 30 megawatts.

Pola súa parte, no parque do Barbanza, tamén impulsado por Norvento, outórgase autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción. Terá unha potencia de 15 megawatts.

Igualmente, o Goberno galego concede a autorización administrativa previa e de construción para o de Monte Contado, de Naturgy Renovables. Terá unha potencia de 31 megawatts.

Paralelamente, o Executivo galego someteu a información pública a modificación da solicitude de declaración de utilida pública e a necesidade urxente de ocupación da liña de alta tensión paa o parque eólico Pico Touriñán-SET Tivo, entre os municipios pontevedreses Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Campo Lameiro, Moraña, Portas e Caldas de Reis. O prazo para presentar alegacións é de 30 días a partir desta sexta feira, segundo figura no DOG de hoxe.

Comentarios