O xuíz imputa Villar Mir, dono de Ferroatlántica, na causa polo financiamento ilegal do PP

Cítao canda outros 52 novos investigados. A imputación chega no momento en que a Xunta ten sobre a mesa a petición oficial para dsegregar actividades de Ferroatlántica e poder así vender as hidroeléctricas da Costa da Morte, un obxectivo na que Villar Mir leva meses enfrascado . 

Villar Mir
photo_camera 2017042415542857821

Eloy de Velasco, titular do xulgado de Instrución nº6 da Audiencia Nacional imputa o expresidente de OHL, Villar-Mir, na investigación do ‘caso Lezo’, situando así nunha situación incómoda ao dono do grupo que controla Ferroatlántica. Canda el chama a declarar outras 52 persoas entre mediados de setembro e finais de outubro.

O maxistrado levanta parcialmente o secreto do sumario desta causa, que divide en seis pezas separadas para axilizar a investigación. a cuarta delas referida ao presunto financiamento ilegal do PP de Madrid a través da trama Lezo. Aquí tamén cita Lourdes Cavero, esposa do expresidente madrileño Ignacio González, o principal imputado na causa e en prisión desde o 21 de abril. Tamén se imputa o ex-xerente do PP de Madrid Beltrán Gutiérrez, investigado no caso Púnica.

Por este asunto da Operación Lezo xa foi detido o xenro de Villar Mir, amigo íntimo de Filipe VI e presidente de Ferroglobe desde xaneiro pasado, Javier López Madrid, arrestado xunto con outras 12 persoas. Sobre elas pesan cargos pola pretensa comisión de delitos de malversación, organización criminal, suborno, falsidade documental, branqueamento de capitais, prevaricación e fraude.

A imputación de Villar Mir séguese con especial interese en Galiza, onde hai uns días o grupo que controla moveu ficha para solicitar oficialmente a segregación en Ferroatlántica que lle permitiría vender as centrais hidroeléctricas da Costa da Morte. 

Comentarios