Un novo morto no mar nun ano en que o sector mariñeiro galego acumula xa 752 sinistros laborais

Un mariñeiro morto e outro ferido é o resultado da colisión esta terza dun pesqueiro cunha batea na ría de Muros. No que vai de ano xa son 4 os mortos no sector da pesca galega. En 2011 foron nove as persoas falecidas

O Serviola I, un barco do cerco de 11 metros de eslora e con porto base en Portosín, bateu en torno ás oito da mañá nunha das bateas fondeadas na ría de Muros, un accidente no cal faleceu un mariñeiro e outro resultou ferido. Os outros tres tripulantes resultaron ilesos.

Á espera do resultado das investigacións que boten luz sobre as causas do suceso, o accidente volve poñer sobre a mesa a sinistralidade do sector pesqueiro galego. Segundo os propios datos oficiais do Instituto galego de seguridade e saúde laboral (Issga), entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto rexistráronse 752 sinistros laborais con baixa neste sector. A maior parte deles (719) foron tipificados como leves, mais houbo neses oito meses 30 accidentes de carácter grave e 3 que tiveron un resultado mortal. O acontecido esta terza na ría de Muros viría sumar un novo falecemento no mar nesta listaxe.

Preocupación

En 2011 foron 1.203 os sinistros laborais con baixa que se rexistraron no sector da pesca da Galiza. Deles, 39 foron de carácter grave e 9 mortais. Nese ano, a pesca foi un dos sectores da Galiza con máis falecidos en sinistralidade no traballo, só superado polo sector servizos (22 persoas falecidas).

O debate sobre a seguridade laboral no sector da pesca da Galiza non é novo, e nel danse diferentes elementos que cómpre ter en conta, desde  antigüidade e estado de moitas embarcacións até a propia dureza e perigosidade do medio en que se desenvolve o traballo, pasando polas duras e longas xornadas de traballo, ou a ausencia en moitos casos dunha mínima regulación ou verificación das condicións laborais.

Comentarios