O Supremo sentenza que a concesionaria da AP-53 non ten dereito a compensación pola Covid-19

A reclamación de Autoestrada Central Galega Concesionaria Española S.A., (Acega) xa fora denegada con anterioridade polo Consello de Ministros e Ministras do Estado español.
Tramo da autoestrada AP-53 (Foto: Acega).
photo_camera Tramo da autoestrada AP-53. (Foto: Acega / Grupo Itínire)

A sala do Contencioso do Tribunal Supremo desestimou o recurso interposto pola concesionaria da autoestrada AP-53 Santiago-Ourense, rexeitando que se lle deba pagar unha indemnización pola caída de ingresos durante a Covid-19.

A reclamación de Autoestrada Central Galega Concesionaria Española S.A., (Acega) xa fora denegada polo Consello de Ministros e Ministras, unha decisión que a entidade recorreu aos tribunais, que agora rexeitaron tamén a súa pretensión.

En concreto, reclamaba que o Goberno estatal a indemnizase pola perda de ingresos sufrida polo tramo Santiago-Alto de Santo Domingo desta autoestrada entre o 13 de marzo e o 15 de xullo de 2020, coincidindo co período de confinamento e restricións de mobilidade.

A entidade explicaba que, entre estas dúas datas, "producíronse fortes restricións á libre circulación de persoas e vehículos", ademais de estar "prohibida a mobilidade interprovincial", e que "se fomentou o traballo a distancia", co que "a sociedade sufriu unha forte perda de ingresos que alterou a economía da concesión".

Marxe positiva

A Avogacía do Estado apuntou que durante o período alegado, a sociedade concesionaria "cubriu os seus custos e, ademais, obtivo beneficios, dado que a súa marxe bruta de explotación foi positiva", á vez que advertiu de que a intención da demanda era tratar de "garantir o beneficio íntegro esperado pola concesionaria, coma se para ela non existise a Covid-19".

Así mesmo, nunha tese que avalou a sentenza, lembrou que "o que podería ser discriminatorio é que, como consecuencia da Covid-19, os concesionarios de autoestradas asegurasen integramente o beneficio esperado mentres que os demais contratistas públicos soportan, en parte, as consecuencias".

Comentarios