venres 03/12/21

Os transportistas advirten do impacto das novas peaxes nas empresas galegas

Os transportistas galegos avisan de que gravar con peaxes as autovías prexudicará as empresas que comercien con produtos de baixo valor engadido.
O cobro por uso das autovías e vías de alta capacidade pode comprometer a competitividade dos produtos galegos no exterior (Foto: Adega).
O cobro por uso das autovías e vías de alta capacidade pode comprometer a competitividade dos produtos galegos no exterior (Foto: Adega).

O Goberno do Estado segue adiante co seu plan de cobrar ás persoas usuarias por circular polas autovías, unha medida que podería estar vixente en 2024. Na Galiza, esa decisión implicaría elevar en 560 quilómetros as estradas de pago, incluíndo vías como a A-6, que conecta coa meseta, ou a A-8, a autovía do Cantábrico, que ofrece a saída máis directa cara ao resto de Europa.

O que para moitas persoas parece unha novidade, é un tema co que os transportistas levan convivindo desde hai máis dunha década, un asunto recorrente que cobra máis protagonismo en tempos de crise, cando Bruxelas chama os Estados a apertar o cinto.

Alberto Vila, xerente da Asociación de Transporte de Mercadorías por Estrada da Galiza (Apetamcor), amósase en contra desta medida, que cualifica como o "enésimo capítulo da telenovela da euroviñeta".

Segundo argumenta a Nós Diario, "gravar a estrada significa penalizar as rexións máis periféricas, e Galiza é a periferia de Europa e do Estado español". O que vai provocar, relata, que a nivel de produción de bens "vai custarnos moitísimo máis competir con empresas doutras rexións".

Nesta liña, Ramón Alonso, responsábel da Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer), que tamén amosa o seu rexeitamento "total e frontal" a esta medida, alerta de que vai prexudicar "enormemente" a empresa galega. "Aquí non é só problema dos transportistas. Imaxina o leite, que se paga por baixo de 40 céntimos. Vai valer máis a loxística que o propio leite", exemplifica, ao tempo que advirte que isto vai acontecer con todos os produtos de baixo valor engadido, "que van ter máis difícil colocarse en mercados como o español e o europeo".

Cuestión de quilómetros

Outro aspecto no que coinciden é que o transporte por estrada vai ser o sector máis prexudicado. Segundo relata Alberto Vila, un vehículo de transporte pesado de longo percorrido pode facer 14.000 quilómetros nun mes, dos que a maioría son por vías de alta capacidade e autovías. "Falamos dun sobrecusto da unidade de explotación, que é o vehículo, de 2.500 euros, e vai custar repercutir eses prezos nas tarifas de transporte . Non é tan lineal nin tan fácil", advirte.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Respecto da realidade galega, con perto de 30.000 núcleos de poboación, case tantos como o resto do Estado en conxunto, estiman que quen máis o van notar son as persoas que empregan estas vías por motivos laborais. Con todo, sinalan que en Portugal, onde a medida xa está en vigor, "non o notan tanto, porque ao final o importe que pagan os turismos é moi pequeno".

Neste senso, o xerente de Apetamcor destaca que "aínda non sabemos de que importe estamos a falar, e esa é a clave de todo. Entendo que para os turismos non serán tan prohibitivos". Tamén desbota que a dispersión sexa un elemento "determinante", xa que sempre vai depender dos quilómetros que se fagan, e pon como exemplo Castela, onde os núcleos de poboación están moito máis distanciados entre si. "Aos que máis van gravar son os transportistas, que somos os que máis quilómetros facemos", incide.

Solución nos hidrocarburos

Un dos argumentos esgrimidos polas asociacións galegas de transportistas é que os profesionais do sector "xa pagan bastante" para o mantemento das estradas. Como explican, se os orzamentos xerais do Estado contemplan unha partida de 4.000 millóns de euros para este fin, esta podería cubrirse perfectamente co recadado no imposto de hidrocarburos (case 14.000 millóns de euros) que pagan os camións igual que o resto de vehículos e do que están exentos sectores como a agricultura e a pesca.

Porén, sospeitan que o obxectivo das peaxes non é tanto o de sufragar o mantemento da rede viaria senón "recadar máis para dotar de máis recursos á sanidade e para pagar a débeda". Tamén dubidan de que unha maior recadación garanta que as infraestruturas viarias se conserven mellor.

Os transportistas advirten do impacto das novas peaxes nas empresas galegas
comentarios