mércores 08/12/21

Calviño defende que cobrar polas autovías é "o máis xusto" mentres desde a Galiza cargan contra a proposta

A polémica pública xurdida onte, cando transcendeu que o Executivo do Estado español pensa impoñer os pagos nas autovías a partir de 2024, non fixo recuar á equipa de Pedro Sánchez. O delegado do Goberno español na Galiza afirma que o debate non toca agora, mentres que o BNG, o PP e Unidas Podemos cargan contra o novo gravame.

Tráfico na A-6 ao seu paso por Lugo. (Foto: DGT)
Tráfico na A-6 ao seu paso por Lugo. (Foto: DGT)

A Galiza rexeita o futuro pagamento polo uso das autovías -a A-6 e a A-8 son dúas das principais arterias que vertebran o territorio, por exemplo- en 2024 e unha incorporación paulatina da rede de estradas en xeral a esta política impositiva. Así o amosaron a nivel persoal miles de persoas e tamén as e os seus representantes políticos desde que onte transcendera a data coa que traballa o Executivo español, que xa ten o documento coa proposta na Unión Europea. Malia as críticas, a vicepresidenta de Asuntos Económicos, a galega Nadia Calviño, advertiu de que este “é o modelo máis xusto”.

“É o modelo europeo e o máis xusto desde o punto de vista da distribución do territorio”. Con estas palabras xustificou a ministra Calviño a decisión do Goberno do Estado de impoñer as portaxes nas autovías dentro de tres anos e abrir a posibilidade de que todas as infraestruturas viarias sexan de pago no futuro, sen ter en conta que parte dos impostos que se pagan xa van parar a eses espazos.

Lonxe de cambiar o discurso, o Executivo estatal di que hai que “aumentar progresivamente o investimento en infraestruturas” e que, polo tanto, é preciso “atopar vías de financiamento”.

Para compensar as "desigualdades"

Unha delas sería o custe engadido para a poboación, o que en Galiza vai supor un bo golpe ao peto pois as autovías teñen un uso elevado, tanto para moverse dentro do país como para saír del.

Calviño explicou que coa situación actual, no que parte das peaxes corren por conta dos Orzamentos, fai que haxa “enormes desigualdades” entre a poboación, se ben na Galiza esta afirmación contrasta co compromiso do Goberno de Pedro Sánchez para rebaixar as taxas da autopista AP-9 como demanda (desde hai anos) o BNG e a propia veciñanza dalgunhas zonas.

"Parece razoábel que paguen algo tamén os 100.000 vehículos que entran cada día no país, a metade deles estranxeiros", engadiu a responsábel de Asuntos Económicos, nun intento de restarlle importancia ao incremento impositivo.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Enorme malestar na Galiza, aínda "máis afastada"

Calviño respondía así a unha cuestión que sacaba o PP e que lle “sorprendía” porque, segundo remarcou, foi este partido o que iniciou o cambio de sistema de financiamento das instalacións. Mais o Partido Popular galego, a través da Xunta e, en particular, da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, avisou de que unhas hipotéticas peaxes deben ser negociadas, dando “voz e voto” aos distintos territorios para que manifesten a súa opinión ao respecto.

A representante de San Caetano asegurou que non van “permitir que graven aínda máis a posición periférica da Galiza, que xa está no córner de España”. “Medidas como esta poderían afastarnos máis”, aclarou.

O BNG dubida do 'Goberno progresista'

Pola súa parte, o BNG -un dos partidos máis reivindicativos ao respecto do traspaso das competencias da AP-9 ao país e exixente coa baixada das portaxes desta autoestrada- criticou a nova en varios foros, entre eles nas redes sociais.

“Aínda non nos libramos das peaxes abusivas da AP-9 e xa queren que paguemos tamén as autovías. É este o 'Goberno progresista'? De decepción en decepción”, deixaron escrito no seu perfil da plataforma Twitter.

Desde Unidas Podemos lamentaron este “imposto ás clases medias”. A formación aposta na “fiscalidade verde pero a condición de que non penalice á xente traballadora e non teña un carácter regresivo”. Así, as peaxes en infraestruturas como a Autovía do Cantábrico (A-8) ou a A-6, entre outras, non irían acorde a eses “criterios”.

Preguntado ao respecto de toda a oposición, o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñones, asegurou que non é o momento de debater sobre o tema porque “só hai un documento en Bruxelas”.

Risco para as empresas do país

No entanto, a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) tamén saíu ao paso das informacións sobre o novo custe ligado á mobilidade. A organización alerta de que esta tarifa pode “prexudicar a competitividade empresarial” do país.

Desta forma, rexeitou “con contundencia” a nova política recadadora do Estado que podería danar a economía galega.

Calviño defende que cobrar polas autovías é "o máis xusto" mentres desde a Galiza...
comentarios