MUNICIPAL

Todo o sector do lixo da Coruña une forzas na convocatoria de folga

A convocatoria de folga comezará ás 23.00 e na mesma o persoal de Cespa ou o vertedoiro de Areosa sumarase ao paro que manteñen desde hai case un mes os traballadores de Albada.

Folga de lixo da Coruña  (Foto: Nós Diario)
photo_camera Folga de lixo da Coruña

Ás once da noite comeza a folga que este 26 de agosto convocaron as centrais sindicais na limpeza e recollida de lixo da planta de Sogama, o vertedoiro de Areosa, así como Cespa-A Coruña e Cespa-As Mariñas, nun paro conxunto en apoio d@s empregad@s de Albada que se atopan en folga desde hai case un mes e que tamén servirá para denunciar a precariedade do sector, agravada tras a última reforma laboral.

O persoal de Albada, concesionaria da planta de Nostián, pide a readmisión de 11 compañeir@s despedid@s e na súa negociación do convenio colectivo non aceptan a baixada de soldo dun 25 por cento que impón a empresa, que non renunciou a esa medida logo de varias reunións con mediación da Xunta. Os sindicatos lembran que a planta “non cumpre coa súa obriga de reciclar” e piden á cidadanía que deixe de pagar o imposto correspondente. Así mesmo, critican ao goberno local do PP pola súa negativa a intermediar no conflito.

 

O 27 de agosto os traballadores de Albada celebrarán unha manifestación que partirá ás 12.00 horas da praza de Pontevedra para concluír na de María Pita, ante o Concello. Os comités de empresa contan co apoio de toda a oposición municipal.

Comentarios