Teresa Ribera marca o camiño á Xunta para crear unha eléctrica pública galega

O Ministerio quere dotar de máis poder as Confederacións Hidrográficas á hora de xestionar as concesións para aproveitamentos hidroeléctricos. Galiza, xunto con Catalunya, Euskadi, Andalucía e as illas, é dos poucos territorios con competencias propias na xestión de parte dos ríos do seu territorio.
Teresa Ribera, ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Foto: R. Rubio / Europa Press).
photo_camera Teresa Ribera, ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Foto: R. Rubio / Europa Press).

A suba do recibo da luz e o papel das centrais hidroeléctricas na produción de enerxía centrou boa parte do debate político a semana pasada. Cuestións como a creación dunha empresa pública para abaratar o prezo da enerxía xurdiron no devandito debate, alimentado polas declaracións da ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, nas que avogaba por sumar a esta compañía as concesións que fosen vencendo.

No seu discurso, a ministra tamén abriu a porta a dotar as confederacións hidrográficas de maior poder á hora de xestionar as concesións para aproveitamentos enerxéticos nos diferentes cursos fluviais. 

En concreto, Ribera avanzou que en todo o Estado español hai máis de 200 explotacións hidroeléctricas cuxa concesión termina ao longo desta década, ao tempo que lembrou que xa existen plantas xestionadas directamente polas confederacións hidrográficas, nas que podería caer directamente a xestión do resto, segundo suxeriu.

"As condicións nas que se asinaron as concesións de hidroeléctricas non teñen nada que ver coas situacións agora, por iso estudamos como xestionalo mellor e facelo de maneira centralizada", aclarou Ribera.

As vías que estuda o Goberno estatal son a de rescatar as concesións "a través dun sistema de concesións distinto ou a través dunha empresa pública segundo se vaian liberando" e, deste modo, "intervir ou facilitar outra maneira de ofertar enerxía", explicou a ministra.

A vía galega

Galiza é, xunto con Andalucía, Euskadi, Catalunya e os dous arquipélagos, Canarias e Baleares, un dos poucos territorios cunha confederación hidrográfica propia (Galiza-Costa), que ten competencias sobre a xestión dos cursos de auga que nacen e morren no país e verten as súas augas nas costas do Océano Atlántico e do Mar Cantábrico.

Na actualidade, a Xunta, responsábel da xestión destas bacías, está a tramitar a extinción de cinco concesións hidroeléctricas nos ríos da confederación Galicia-Costa, pero son moitos os aproveitamentos que afectan a esta demarcación. 

Entre eles atópanse os encoros de Endesa nas Pontes (Eume e Ribeira), as centrais asociadas a actividade de Xeal ─antiga Ferroatlántica─, que volverían ao dominio público no caso de fechar as factorías ou desvencellar a actividade de xeración enerxética da industrial, e os encoros de Naturgy nos ríos Tambre e Ulla, algunhas delas xa nos últimos anos de concesión.

A Xunta ten ante si o reto de artellar unha política que debuxe o futuro destes aproveitamentos, pero os pasos dados até o momento non fan albergar moitas esperanzas de que o Executivo de Núñez Feixoo decida recuperar os encoros para a xestionar pública, de modo que os beneficios quedasen no país.

En 2019, o PP botaba por terra no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola CIG para, precisamente, recuperar os encoros unha vez vencida a súa concesión, deixando clara unha vez máis que a súa prioridade é favorecer os intereses das eléctricas.

A semana pasada, o deputado do BNG Ramón Fernández volvía instar a Xunta a crear unha empresa galega de enerxía e unha tarifa eléctrica galega ante a situación xerada pola fixación de prezos da electricidade, propostas xa formuladas en diversas ocasións ás que o PP "votou sistematicamente en contra". 

O deputado nacionalista sinalou que é posíbel crear unha empresa galega da enerxía e estabelecer unha tarifa eléctrica galega, pois existen "exemplos de empresas públicas de enerxía en Europa como Enel, propietaria de Endesa; mais tamén a principal produtora de enerxía hidráulica de Europa, Statkraf, que é propiedade 100% do Estado noruegués".

Para iso, apunta, habería que modificar a regulación do sector e introducir un operador público cuxo criterio non sexa en exclusiva o beneficio empresarial, senón que atenda a compoñente esencial e social deste sector: "outros criterios á hora de promover proxectos de xeración de enerxía, outros criterios á hora de fixar os prezos e outros criterios á hora de repartir beneficios da actividade", concluíu.

Comentarios