Urxen crear unha tarifa eléctrica e unha empresa de enerxía galegas

Si é posíbel unha compañía pública, di o BNG, apuntando o exemplo de Noruega.
Segue a evolución do prezo da electricidade en Nós Diario. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Si é posíbel unha compañía pública, di o BNG.

Ante situación xerada pola fixación de prezos da electricidade, desde o BNG instan a crear unha empresa galega de enerxía e unha tarifa eléctrica galega. O deputado nacionalista Ramón Fernández lembrou esta cuarta feira, 11 de agosto, que estas propostas xa foron formuladas en diversas ocasións, mais o PP "votou sistematicamente en contra".  Agora, explicou, "atopámonos cun sistema de fixación de prezos que é o resultado do enxendro criado polos Goberno do PP no Estado e propiciado pola reforma enerxética do ministro popular José Manuel Soria".

O parlamentario do Bloque recalcou que é posíbel crear unha empresa galega da enerxía e estabelecer unha tarifa eléctrica galega porque existen “exemplos de empresas públicas de enerxía en Europa como Enel, propietaria de Endesa; mais tamén a principal produtora de enerxía hidráulica de Europa, Statkraf, que é propiedade 100% do Estado noruegués”.

Para o nacionalista, urxe modificar a regulación do sector, así como introducir “un operador público” que traballe con outros criterios que non sexan en exclusiva para beneficio empresarial, senón que atenda a compoñente esencial e social deste sector: “outros criterios á hora de promover proxectos de xeración de enerxía, outros criterios á hora de fixar os prezos e outros criterios á hora de repartir beneficios da actividade”, expuxo.

Por outra banda, o deputado do BNG explicou que a Galiza produce 25% da enerxía hidráulica do Estado español durante os últimos 10 anos. Unha potencialidade que xera riqueza e  que debe ser aproveitada en beneficio de todos os galegos e galegas e non para “subir o prezo da enerxía e engordar as contas das grandes corporacións eléctricas”.

Porque o prezo dun MW a 110 euros, cun custo de produción de 5 euros, supón “un beneficio de 2.200% e con todo  xa vendido de antemán”. A situación actual do prezo da enerxía, explicou, "é o resultado dun sistema de fixación de prezos, que consiste nunha poxa na que as empresas, libremente, poden determinar o prezo da enerxía que van colocar no mercado ao día seguinte".

Neste  contexto, argumentou,  o prezo das emisións de CO2 está afectando á alza, igual que o prezo do gas, mais durante estes meses, en moitos momentos, a oferta máis cara da poxa, a oferta que marca o prezo da enerxía para todos e todas, “é o prezo das hidráulicas”, unha enerxía con  menores custos de produción. "Entón por que está tirando do prezo?", preguntouse, "simplemente porque poden".

“O que pasa coa enerxía  exemplifica o que pasa cando se deixa ao mercado determinar o prezo de produtos básicos", remarcou. 

Comentarios