Reverter a riqueza hidráulica galega para o público

Nutrimos coas concesións públicas nos nosos ríos o negocio de grandes compañías enerxéticas foráneas e dos seus accionistas. Unha realidade favorecida por un réxime de explotación hidráulica máis propio do século XIX e perante a cal están a alzarse voces pedindo a reversión para o público de saltos e encoros. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 326 de Sermos Galiza.

encoro 2

6Galiza, o país dos 10.000 ríos e das máis de 160 centrais hidroeléctricas. Todas esas centrais (121 das chamadas mini hidráulicas, de menor potencia, e outras 45 que son gran hidráulica ) están en mans de empresas privadas. Máis de 90% da  produción eléctrica instalada nas centrais hidráulicas galegas está en mans de Iberdrola, Naturgy (antes Gas Natural-Fenosa) e Endesa.


A auga, recurso público e ben común, leva así décadas transformándose en importantes beneficios para unha presada de empresas privadas hidráulicas e os seus accionistas grazas ás concesións públicas nos ríos galegos. 

Mais esas concesións teñen data de caducidade. A explotación legal das hidroeléctricas ten unha limitación legal de 75 anos (prórrogas incluídas). Porén, ese límite non funciona para aquelas de antes da Lei de Augas de 1985, onde esas concesións poden chegar ao século de duración ou máis. 

Hai centrais hidráulicas cuxa concesión data do século XIX e que aínda hoxe seguen en mans privadas, logo de sufrir varias renovacións de concesións neste tempo. Un exemplo é a central de Fecha, no río Tambre, que foi concedida en 1895 e que vencía en 2017, mais foi ampliada en 2016 a través do subterfuxio de ampliación de potencia. Desas máis de 160 hidroeléctricas que hai na Galiza, a metade delas en ríos de xestión galega, bacía Galiza-Costa, e a outra metade en ríos da conca Miño-Sil, controlada polo Estado español. Esta foi creada en 2008, pertencendo anteriormente á coñecida como Conca do Cantábrico e que tiña a sede en Oviedo. Os ríos galegos achegaban 80% dos recursos hídricos desa demarcación mais as decisións adoptábanse na capital astur.


O ano medio de recuperación das concesións na conca do Miño-Sil é 2038 e na Galiza-Costa, 2040. Algunhas concesións, porén, xa se están achegando á súa fin polo que collen pulo as voces que demandan compromisos para reverter os saltos e aproveitamentos hidráulicos á xestión pública. O sindicato CIG rexistrou unha iniciativa lexislativa popular con esta petición. A ILP pretende que os saltos e as centrais hidroeléctricas, “sen ningún tipo de compensación para Galiza, malia o dano ambiental e social que provocan”, revertan de novo ao poder público e a Xunta, para a explotación deses encoros ben a través dunha empresa pública ou directamente.
 

[Se queres ler a reportaxe íntegra, podes lela no número 326 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios