Técnicos de Facenda cifraron en 14.000 millóns de euros a fraude fiscal e laboral na Galiza

Os cálculos de Gestha apuntan a que supón unha cuarta parte do PIB da Galiza. Mais coñecedores do tema desconfían que a amnistía fiscal do goberno sirva para facer 'aflorar' eses cartos en B

As actividades non declaradas (e sen incluir aquelas que serían ilícitas, como as relacionadas coas drogas, por exemplo) supoñen na Galiza en torno aos 14.000 millóns de euros. Unha cifra dada por Gestha, colectivo que reúne a técnicos da Facendo do Estado, e que viría supoñer algo máis dunha cuarta parte do PIB do noso país. Destes case 14.000 millóns, a maior parte (uns 9.200) procederían da fraude fiscal. E os outros 4.700 da fraude laboral.

A nivel de estado español, a fraude rondaría os 250.000 millóns de euros. Unha cifra máis que impoñente .

Os datos ofrecidos polos técnicos do Ministerio de Facendo corresponden ao exercicio 2009, o último fiscalizado neste sentido por Gestha. Mais todo parece indicar que desde entón esta cifra se movese a grandes rasgos.

Naquel estudo de Gestha situábase a Galiza como o cuarto territorio do Estado español no que se rexistraba unha maior fraude á facenda pública.

Amnistía fiscal, non serve

A sección sindical da CIG na Axencia de Tributaria fixo no seu momento unha valoración negativa das medidas de "amnistía fiscal" aprobadas polo goberno español para facer aflorar o dineiro negro. Consideraba que "as medidas que está a tomar o Goberno para efectuar o que eles denominan regularización fiscal, non son máis que a constatación do fracaso dun modelo de xestión dos tributos que leva anos obsoleto".

A isto, a central sindical nacionalista engadía a denuncia de que "viamos como a fraude fiscal e a economía somerxida non paraban de crecer mentres que a Axencia Tributaria se limitaba a perseguir a pequena fraude ou a requirir os cidadáns que, sen ánimo de defraudar, cometían algún erro ou se esquecían de facer algún pago no prazo previsto". Mentres, prosegue o sindicato, as e os defraudadores profesionais "vivían pracidamente e as facilidades de branqueo facían do Estado Español o paraíso das distintas mafias que fixaban aquí a súa residencia".

Para a CIG, a Axencia Tributaria é incapaz de recadar a maior parte das débedas tributarias que liquida, "chegando a un pírrico 47% para as débedas inferiores a 1.000 euros, e non chega ao 13% para as débedas superiores a 50.000 euros".

Comentarios