A suba en máis de 100% do prezo do papel pasa factura a editoriais e rotativas

A suba das materias primas, como a enerxía e a celulosa, está a provocar unha importante crise de custos na produción de papel que xa se fai notar noutras industrias, nas que os problemas de subministración están obrigando a modificar a planificación e o modo de traballar de moitas delas.
O custo en papel para moitas empresas subiu até 100% (Foto: Europa Press).
photo_camera O custo en papel para moitas empresas subiu até 100% (Foto: Europa Press).

O papel que soporta a información é un dos produtos que máis está a padecer a alza dos prezos nos últimos meses. Aínda que non todos os papeis sofren as mesmas oscilacións, en función da súa demanda e as súas características, o prezo da enerxía ─a industria papeleira é a cuarta que máis enerxía consume─, do transporte e da celulosa ─con valores na contorna dos 1.200 dólares (+53%) a tonelada ─ están a provocar incrementos de custo de até 100% e superiores en numerosas industrias, o que afecta gravemente ás que dependen deste material, como as editoriais e as imprentas. 

Como explica a Nós Diario o presidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, as subas están a ser "inéditas". "Nunca houbo unha suba de papel tan acusada e intensa como a destes meses, chegando até 30% nalgúns casos", apunta.

No caso das editoriais, ademais da suba de prezos están a notar a escaseza dalgúns tipos de papeis e de determinadas gramaxes nas imprentas. "As tapas duras son as máis afectadas", sinala Alvarellos, que explica que un álbum ilustrado ou un conto infantil de tapa dura impreso en papel offset ─o máis común para impresión─ custa hoxe 30% máis facelo que hai un ano. 

Os prezos comezaron a subir en novembro do ano pasado e en abril "volven estar desbocados", lamenta o presidente das editoras galegas, que sinala que até o de agora puideron aguantar sen repercutirllo á clientela, mais advirte que, "de prolongarse no tempo esta situación, obrigará a subir os prezos dos libros, que sempre é a última decisión que se ten que tomar".

Un sector delicado

Con todo, afirma que cada editora "tomará a decisión que considere", xa que o sector cultural galego "é moi delicado, e se soben os prezos será unha noticia negativa". E o mercado do libro non é unha excepción. "A nosa liña de flotación é moi delicada e calquera mal vento pódenos facer moito dano", abunda.   

"A incerteza é o que peor se leva nas estratexias empresariais. Ao non saber que vai pasar estamos con moita cautela, detidos, parando proxectos, esperando... a velas vir", asegura Alvarellos, que no seu caso indica que ten parados varios álbumes ilustrados que "xa tiñan que estar fóra". E o mesmo fan outras editoriais, que tamén deciden agardar e noutros casos reducir tiraxes para conter o impacto da escalada dos prezos.

Atasco nas imprentas

Almacenar papel en previsión de novas subas é unha das estratexias que están a seguir as imprentas e empresas de artes gráficas da Galiza, aínda que a capacidade é limitada.

Firmas como Tórculo, en Compostela, víronse na obriga de  remitir unha carta á súa clientela para explicar que a situación actual lles obrigaba a subir os prezos. A misiva incluía varios gráficos nos que se podía comprobar como, tanto o gasto da luz como o dos principais tipos de papel, encarecérase para eles máis de 100% desde xaneiro do ano pasado. 

Optaron pola transparencia e a planificación "para levalo o mellor posíbel e evitar rupturas de stock", informan a Nós Diario desde este sector, no que, ao igual que nas editoriais, a incerteza é a principal ameaza. 

No caso de Tórculo optaron por modificar as súas políticas. Así, reduciron de 30 a 7 días a vixencia dos orzamentos que dan, xa que as papeleiras actualizan os seus prezos día a día, e tratan de planificar as compras en base aos históricos de vendas. Tamén procuran acumular o maior papel posíbel, "pero a capacidade de stock é limitada", asumen. 

"De momento non tivemos ningún parón por non poder subministrar produto, e iso que nós pasamos de recibir o papel dunha semana para outra a soportar tempos de espera de dous e tres meses", destacan.

Outros sectores 

Unha das tipoloxías nas que máis evidentes se fan estas subas é no papel de prensa e escritura. As rotativas pasaron de pagar 400 euros por tonelada a 900 (+125%), ao que engaden un recargo mensual adicional polo incremento dos prezos da enerxía polo conflito en Ucraína.

Porén, a suba de custos do papel é transversal e tamén se pode notar na hostalaría, onde a alza dos prezos das cartonaxes repercutiron no que pagan estes estabelecementos por produtos como os viños e os cafés. 

Tamén no comercio electrónico viron como os envíos se encareceron nos últimos meses pola suba nas embalaxes. E calquera estabelecemento que acepte pagamentos con tarxeta terá notado como os comprobantes de compra dos TPV (terminais en punto de venda) fan subir os custos, pois as bobinas de papel páganse a prezo de ouro.

Comentarios