As editoriais urxen solucións para atallar a crise do sector

A Asociación Galega de Editores (AGE) fai un chamamento é cidadanía e aos poderes públicos para afortalar un sector que está a sofrer a crise de maneira especial. A preocupación é compartida no mundo da cultura na conmemoración do Día Internacional do Libro. 

photo_camera libro

O mundo da cultura está a reaxir diante da crise do sector do libro. Perda de empregos, descenso na produción e mesmo a posíbel desaparición de empresas, son os efectos directos dunha situación que pon en perigo un eixo fundamental da nosa cultura. Varias son as iniciativas que exixen á Xunta que se comprometa cun sector que viu como nos últimos anos descendían en máis da metade as liñas de apoio institucional. 

A voz en alto chegou do movemento asociativo, da man dun grupo de escritor@s e activistas culturais que botaron a andar un “Manifesto na defensa das editoras en galego” que sumou arredor de cento cincuenta sinaturas individuais e colectivas en só setenta horas que estivo aberta. En tres puntos, o grupo composto por Héitor Picallo, David Otero, Afonso Blanco, Xosé Lois García, Mini e Mero, Xoán Xosé Fernández Abella e Xosé Díaz defendían o “apoio solidario ao sector”, difundir a situación na opinión pública e tamén “facer recapacitar a administración pública de que é o seu deber protexer e dinamizar este país desde todos os ámbitos e, evidentemente, desde o prisma cultural”, con especial atención ás editoriais. 

Un grupo de activistas culturais botou a andar o "Manifesto na defensa das editoras en galego"

O manifesto correu veloz pola rede e alertou sobre a difícil situación que atravesan algúns selos editoriais, da cal se viña falando nos últimos tempos. “En principio o que queriamos era dar un berro mais o apoio foi sorprendente e así sumáronse escritores, bibliotecarios ou mesmo moita xente das artes escénicas, entre eles a propia Plataforma de Artes Escénicas ou Escena Galega. Urxía sacalo para manifestar o incomodo e agora imos ver cal é o percorrido da iniciativa”, comenta Heitor Picallo anunciando unha reunión en breve para o grupo promotor estudar o seguinte paso que cómpre dar. 

Na Asociación Galega de Editores (AGE), o seu presidente Manuel Bragado ve con bos ollos e agradece que a sociedade civil se comprometa na defensa dun sector que vive momentos especialmente difíciles e que pula por recuperar o posto estratéxico que se recolle na Lei do Libro e a Lectura do 2006. “Ao longo do mes de marzo presentamos a todos os grupos do Parlamento Galego e ao conselleiro e ao secretario de Cultura e Política Lingüística o noso diagnóstico e unha proposta de desenvolvemento estratéxico que marcan a súa folla de ruta”, explica Bragado das actuacións que están a levar a cabo diante da grave situación. 

“A crise é multifactorial, con causas diversas, desde a crise económica, os cambios de modelos coa transformación do dixital e tamén a falta de políticas públicas de promoción da lectura e a normalización lingüística que van afectando a saúde do sector”, comenta Manuel Bragado. “Os datos amosan unha redución importante no número de títulos, mais tamén de maneira especial de tiradas. Nos últimos catro anos a edición galega perdeu o 40% da súa tirada” apunta o presidente da AGE.

Liñas de actuación da AGE

“O conxunto das empresas do sector están a enfrontar enormes dificultades, as máis graves en trinta anos de existencia” sinala o informe da Asociación Galega de Editores que recolle varias liñas de actuación encamiñadas a fortalecer o sector. Reclámase, entre outras cousas, a elaboración dun plan estratéxico para o desenvolvemento do libro, un plan de apoios á rede de librarías ou a creación do Bono Cultura que podería ser empregado de maneira inicial no Culturgal de 2013 coa idea de apoiar o consumo de bens culturais. 

Manuel Bragado: “Os datos amosan unha redución importante no número de títulos, mais tamén de maneira especial de tiradas"

Canto ao eixo de cohesión social, demandan que a lingua galega sexa vehicular na educación non universitaria, ampliación e mellora da rede bibliotecaria, apoio e desenvolvemento das bibliotecas de aula e campañas de lectura. A asociación que representa as editoriais quere tamén que se reforce a proxección exterior do libro galego e, neste sentido, reclama un plan cuadrienal de tradución para o galego, unha oficina de promoción da literatura e o libro no mundo alén da creación dentro do IGAPE dunha sección de industrias culturais que atenda de maneira especial a exportación. 

Á chamada da AGE respondeu xa no Parlamento o BNG, que a través da súa deputada Ana Pontón presentou dúas iniciativas reclamando vías de diálogo co sector, apoio directo e o cumprimento dos mandatos da Lei do Libro e a Lectura de 2006.

Tamén na Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) ven con preocupación a crise do sector. O seu presidente, Cesáreo Sánchez, sinala que “o destino da creación literaria está relacionado coa saúde do mundo da edición. O descenso na capacidade editorial e a desaparición de selos pon en perigo o desenvolvemento creativo, en especial de xéneros menos comerciais como a poesía ou o ensaio”. Chama a atención Cesáreo Sánchez sobre o feito de que “o sector editorial galego se construíu con moito sacrificio e cómpre activar todas as medidas posíbeis para promovelo, entre elas, a dotación de bibliotecas, o plan de lectura e dinamización do mundo do libro.”

As cifras do peor momento dos últimos trinta anos

Cos datos na man, a Asociación Galega de Editores (AGE) considera que cómpre reflotar o sector. O recorte dun 60% en compras institucionais para bibliotecas, dun 75% de apoio a materiais didácticos e dun 50% para Grandes proxectos editoriais e traducións desde o ano 2009 aos últimos exercicios computados, xunto co descenso da produción e o negocio, son os datos que se manexan no informe que a AGE presentou recentemente tanto aos representantes da Xunta como aos grupos políticos do Parlamento co fin de poñerlle freo a unha crise que ameaza o sector. 

"A Xunta recortou un 60% en compras institucionais para bibliotecas, un 75% de apoio a materiais didácticos e un 50% para grandes proxectos editoriais e traducións desde o 2009"

Cumpre trinta anos neste 2013 e representa 47 selos editoriais dun sector que multiplicou por catorce a súa produción nas últimas tres décadas, pasando de 187 títulos editados en 1980 a 2.544 en 2010. A AGE manifesta, no entanto, unha situación de caída na produción que ve como en 2011 a edición descende nun 28,88% a respecto do ano anterior, cunha caída en novidades de 18,27%. O cambio tecnolóxico está a se facer notar cun incremento do 211,47% na edición dixital que, con todo, é aínda só do 21,65% fronte ao 78,35% do que se publica en papel, que baixa un 28,25%. 

40,36% menos de libro infantil

Aínda que o libro infantil e xuvenil e o libro de texto continúan a ser a trabe do sector, destaca no informe a diminución do 40,36% da edición infantil, un dato igual de alarmante que o descenso dun 36,80% en edición literaria. A galega é tamén a lingua en que a edición descende de maneira máis acusada, cun 26,89% fronte ao 0,13% do español e moito peor parada queda diante do aumento do 2,65 % no éuscaro e o 19,67% no catalán. 

"Na compra de novidades ara bibliotecas, a Xunta baixou dos 1.250.000 euros de 2009 a 500.000 de 2012"

Canto á facturación das editoriais, o ano 2011 deixou un saldo de 27,17% millóns de euros, un 19,23% menos que en 2009, “tendencia negativa que se acentúa de forma agresiva en 2012” apuntan na AGE. En número de postos de traballo o sector perdeu o 25% de 2007 a 2011, que computou 236 empregos directos. 

Abandono institucional 

O informe de AGE, deixa á vista tamén unha radical diminución nas partidas que a Xunta destina ao apoio do sector, que descenderon en máis da metade. Para a compra de novidades en lingua galega para bibliotecas, baixaron dos 1.250.000 euros de 2009 a 500.000 de 2012, cun recorte do 60% na última lexislatura. Para cumprir o estabelecido pola Lei do libro, a AGE estima que se precisaría duplicar os fondos que a secretaría xeral de Cultura destinou en 2011 a esta partida.

Canto aos Grandes proxectos editoriais e traducións de obras, reducíronse nun 50%, entrementres en materiais didácticos a secretaría xeral de Política Lingüística diminuíu nun 75% os investimentos dos últimos catro anos.

Comentarios