A suba da luz bate con forza na industria galega

Os altos prezos da electricidade neste mes de agosto seguen a tendencia de xullo e preocupan  á industria galega. O sextor pide medidas urxentes ao Goberno español e alerta do perigo de que as empresas non se recuperen tras a pandemia. Ademais das electrointensivas a situación afecta desde o naval até a automoción.

Torres de alta tensión nunha imaxe de arquivo (Europa Press).
photo_camera Torres de alta tensión nunha imaxe de arquivo (Europa Press).

A industria galega reséntese do considerábel aumento da tarifa eléctrica que estamos vivindo neste 2021. Non é unha situación menor se temos en conta a súa importancia, reflectida nos últimos datos que deu a coñecer o Instituto Nacional de Estatística (INE) que sinalan que Galiza foi o quinto territorio con maior consumo enerxético industrial do Estado español en 2019, o ano anterior á chegada da pandemia da Covid-19. Daquela, a cifra chegaba aos 904, 4 millóns de euros. 

Neste comezo de agosto o prezo da luz prosegue coa tensión vivida ao longo de todo xullo, que fechou cunha media de 93,46 euros por megawatt hora (MWh), o que supón o nivel máis alto da historia e un 169,8% por riba do mesmo mes do ano pasado.

Esta pasada cuarta feira abaratábase case un 1% en relación ao día anterior aínda que se mantén por encima da cota dos 105 euros por megawatt hora (MWh), co terceiro máximo histórico. En realidade, agosto acumula xa tres dos cinco prezos máis altos da historia do consumo rexistrados no mercado almacenista eléctrico, cando apenas levamos cinco días do mes. 

As causas do encarecemento

O mercado eléctrico sobe o prezo motivado polo aumento das tarifas dos dereitos de emisión e do gas natural. En concreto, os dereitos de emisión medraron até superar neste comezo de agosto os 54 euros por tonelada, cando no principio de 2021 cotizaban ao redor dos 33 euros. Mentres, o prezo do gas natural chegou xa até os 41,7 euros por MWh, segundo datos do Mercado Ibérico do Gas (Mibgas).

O prezo da enerxía ten un peso próximo na factura de en torno ao 24%, mentres que ao redor do 50-55% corresponde ás peaxes que engaden o custo das redes de transporte e distribución, os cargos de custos asociados ao fomento das renovábeis ou ás anualidades do déficit de tarifa, e o resto son impostos. 

A patronal pide medidas efectivas e urxentes

A confederación de empresarias e empresarios da Galiza (CEG) xa alertaba no mes de xuño que o altísimo custo da enerxía estaba a prexudicar de maneira grave a recuperación económica da industria galega desta crise provocada pola pandemia da Covid-19.

A través dun comunicado aseguraban que as medidas adoptadas polo Goberno español para as empresas, como a dos "tramos val", en realidade eran "unha trampa" ao non poder decidir, na gran maioría dos casos,  en que momento consumir máis ou menos electricidade.

A patronal galega instaba ao Executivo español a que adoptara, medidas "efectivas" para afrontar canto antes o "elevado" prezo da electricidade. Ademais, insistía na necesidade de "reducir" máis os impostos que gravan a electricidade. "Supoñen unha porcentaxe elevadísima da factura", explicaba a confederación.

Impacto directo en toda a industria galega

A factura da luz impacta de maneira directa en toda a industria galega. Ademais das denominadas ‘electrointensivas’ afecta sobre todo á automoción, aeronáutica e tamén estaleiros ou fundicións. No sector naval, por exemplo, o incremento dos custos por esta circunstancia xa supón máis do 6% do gasto anual das empresas.

Nas outras industrias o gasto eléctrico é sensibelmente superior e pode verse incrementado entre un 20% e un 40%, segundo fontes do sector. As do metal, que representan o 20% do produto interior bruto (PIB) galego, suman máis de tres mil empresas que consomen nas horas consideradas punta co novo sistema de tarifas e teñen unha necesidade enerxética maior. Malia negociar conxuntamente coas comercializadoras eléctricas na Galiza, teñen dificultades para conseguir rebaixas que sexan rendíbeis para as súas contas. 

Máis axudas para as electrointensivas

Mais se falamos de consumo eléctrico e industria non podemos esquecer as empresas que máis notan estes aumentos. Alcoa, Megasa, Ferroatlántica, Alu Ibérica ou Celsa Atlantic pertencen ao sector das denominadas electrointensivas e desde a súa patronal, a asociación de empresas con gran consumo de enerxía (AEGE) tamén reclaman axudas do Goberno español para compensar o CO2 indirecto, a recarga na factura eléctrica polos dereitos das emisións que internalizan os xeradores térmicos de carbón e gas natural nas súas ofertas ao mercado eléctrico.

A estimación actual do prezo eléctrico final para esta industria en 2021 é de 77 euros/ MWh, máis do dobre que o prezo francés, o que supón un sobre custo con respecto á competencia de máis de 1.000 millóns de euros.

Comentarios