O BNG exixe a paralización do Parque de Eólica Mariña Nordés

A deputada do BNG no Parlamento galego Rosana Pérez e o deputado no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG no Parlamento galego Rosana Pérez e o deputado no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) exixiu a paralización do Parque Eólica Mariña Nordés, un proxecto dunha firma madrileña que pretende levar a cabo a instalación de 80 aeroxeradores, que reunirían unha potencia total de 1,2 xigawatts (XW), a 30 quilómetros da costa de Ferrol.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada nacionalista no Parlamento galego Rosana Pérez presentaron as alegacións, remitidas pola formación política ao Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco), a un proxecto "que, de levarse adiante, suporá a perda de millares de postos de traballo no sector pesqueiro galego e un grave dano ambiental".

Rego afirmou que co Parque Eólica Mariña Nordés “Ponse en risco a biodiversidade da nosa costa, os valores ambientais da mesma e a capacidade produtiva dos caladoiros afectados que dan traballo a millares de mariñeiros e familias do noso país”.

Neste sentido, instou as Adminsitración a non autorizar a construción do parque eólico, que ocuparía unha superficie de entre 268 e 280 quilómetros cadrados, xa que o BNG entende que "nin sequera se están cubrindo as formalidades”.

Cuestións pendentes de tramitación

O deputado nacionalista galego no Congeso sinalou que existen varias cuestións pendentes de tramitación que non permitirían poder autorizar a construción do proxecto eólico Nordés.  “Aínda non está resolto o procedemento do  Plan de Ordenación dos Espazos Marítimos (POEM), ao cal o Bloque Nacionalista Galego tamén presentou alegacións”, subliñou Rego.

Tamén destacou que a o BNG entende que as características da costa galega fan que "non sexa adecuada" a instalación de parques eólicos mariños "porque terían que situarse a tan só 15 ou 30 quilómetros o que afectaría á biodiversidade e espazos produtivos”.

Pola súa banda, Rosana Pérez incidiu en que o Estado español “non pode levar a cabo nin este parque eólico mariño no Nordés nin ningún outro” até que non se aprobe o POEM, xa que, polo de agora, non están aprobados nin contemplados os espazos adecuados para a produción eólica.

Para a deputada no Parlamento da Galiza, é necesario levar a cabo unha avaliación específica do impacto dos parques eólicos mariños nas costas galegas “porque o peso do sector pesqueiro do noso país é moi importante e non ten comparación co resto de frotas do Estado español”. 

"Silencio" da Xunta

Os dous nacionalistas tamén denunciaron o "silencio" da Xunta, e afirmaron que "ten que pronunciarse e manter unha actuación transparente".

Rosana Pérez lamentou que o Parlamento "non coñece absolutamente nada do que se está a debater no Observatorio da Eólica Mariña da Galiza", nin "dos acordos que se puidesen ter tomado ou mesmo se está a ser utilizado polo Goberno galego.”

Pídelle que abandone a "actitude submisa" fronte á recentralización de competencias neste ámbito.“A Galiza ten legalmente atribuídas as competencias de marisqueo, acuicultura mariña, ordenación do sector pesqueiro e a execución dos labores de salvamento marítimo e loita contra a contaminación marítima”, concluíu a deputada do BNG.

Comentarios