O sector das orquestras fai soar as trompetas diante do Parlamento para "poder volver traballar"

O sector da verbena concentrouse a cuarta feira no Parlamento, onde fixeron soar as súas trompetas nunha xornada de pleno para reclamar "volver traballar".

Protesta do sector das orquestras diante do Parlamento (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Protesta do sector das orquestras diante do Parlamento (Imaxe: Europa Press).

Todo sigue igual e non se están poñendo medios", advertiron na cuarta feira concentrados ao pé do edificio do Parlamento da Galiza. En declaracións a Europa Press, o presidente da Asociación de Músicos e Profesionais do Espectáculo de Galicia (Amproega), Diego Grande, denunciou que "as axudas son poucas e moi escasas", o que "non dá para sobrevivir". "O que necesitamos é que se reactive o traballo", engadiu.

Nesta protesta participaron membros de orquestras de diferentes partes da Galiza como Vigo, Allariz ou Ferrol, baixo o lema 'Queremos recuperar a nosa vida', co que xa saíron ás rúas na primeira protesta do pasado mes de xullo. Tamén se viron pancartas nas que se podía ler: ' As nosas festas, o noso patrimonio'.

"Até o de agora este sector nunca pediu nada público"

Neste sentido, Grande pediu que se axude as comisións de festas. "Até o de agora este sector nunca pediu nada público, pero agora que o necesitamos non o estamos tendo e non se están tomando medidas para que volvamos traballar”.

Somos o sector máis prexudicado con diferenza, somos os únicos que aínda non vemos a luz ao final do túnel", relatou.

O representante do sector achacou esta situación a uns "protocolos absurdos" para "facer unha festa ao aire libre para 50 ou 100 persoas", "cando para outro tipo de actos hai outros protocolos moitos menos restritivos".

Nun momento de vacinación "tan elevado", a Administración galega "debe facer algo máis factíbel para que unha comisión se anime a facer a festa". Por todo iso, demandan que "as medidas sexan máis acordes á situación actual, que se simplifiquen os protocolos e que se incentive a que se volva reactivar o traballo".

"Só ao redor de 12 ou 15 orquestras puideron facer algunha actuación no verán"

“Só ao redor de 12 ou 15 orquestras puideron facer algunha actuación no verán", polo que "non se pode vender que hai reactivación".

Posteriormente a esta protesta, membros do sector mantiveron encontros con representantes dos partidos na Cámara. O sector da verbena prevé futuras mobilizacións até que se lles dea unha solución.

Comentarios