Os gandeiros de Lugo estudan novas accións ante a falta de apoio da Xunta e o tratado co Mercosur
Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, concentrados na cidade de Lugo desde a segunda feira 12 de xaneiro para mostrar a súa desconformidade coa sinatura do tratado de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur, volveron tomar as rúas un día máis para facer ver a súa protesta, apoiados por representantes do BNG como o deputado Néstor Rego.
Varias decenas de persoas uníronse á manifestación que se decorreu desde a sede da Xunta da Galiza, onde se concentran todos os días, até a Subdelegación de Goberno español, encabezada por un exemplar de boi de Raza Rubia Galega e acompañados por pancartas e cencerros. Fechaba a manifestación a pé un nutrido grupo de tractores, que percorreron desde as 11 horas a Rolda da Muralla.
A marcha abriuse coa pancarta que centraliza as protestas, contra o acordo de Mercosur, culpando de "vendernos" aos eurodeputados socialistas e populares. A camiñada estivo precedida por unha arenga na que se animaba a gandeiros e gandeiras, e tamén a usuarias, a secundar a concentración e a non "renderse" ante a falta de resposta ás súas reivindicacións. Tamén se gardou un minuto de silencio polas vítimas do accidente ferroviario en Andalucía.
Un intre antes, o presidente de Gandeiros Galegos da Suprema, Santiago Rego, anunciou que a concentración de tractores de forma continuada nestas dúas semanas non tivo o efecto desexado, xa que seguen sen contestación nas instancias nas que reclamaron unha entrevista, e citou especialmente ao delegado do Goberno español, Pedro Blanco, e os citados eurodeputados.
"Non entendemos por que se nos vende e por que ninguén nos dá explicacións, mais nós seguiremos defendendo o que consideramos beneficioso para todos, a non sinatura deste tratado. Ese silencio leva á complicidade e é o que nos doe", asegurou. O presidente do colectivo destacou que esta terza feira e esta cuarta feira manteranse as concentracións, mais que logo se reunirán para ver a posíbel continuidade da tractorada ou buscar outras accións de protesta diferentes e puntuais.
"Hai que entender que son moitos días, a xente ten que traballar nas súas explotacións e hai que ver outras opcións de protesta que non impliquen estar de forma continuada aquí", matizou Rego. Polo momento, esta tarde está prevista a mobilización dos tractores de novo polas rúas da cidade e a habitual reunión ás 22 horas, sendo tamén un punto informativo para as usuarias das "consecuencias" que terá a sinatura deste tratado.
Apoio de Néstor Rego ás Mobilizacións
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, desprazouse a Lugo para trasladar o apoio da organización nacionalista ás gandeiras e agricultoras concentradas na contorna da Muralla, contra un acordo comercial que considera "profundamente lesivo para o sector primario galego e para o conxunto da economía produtiva do país".
Durante a visita, Rego estivo acompañado polas deputadas e deputados no Parlamento da Galiza Montserrat Valcárcel e Secundino Fernández; as representantes na Deputación de Lugo Efrén Castro e Iria Castro, as edís Maite Ferreiro, Iria Buide e Alexandre Penas, así como por Elvira Lombao.
O deputado nacionalista cualificou o acordo como "un novo golpe ao campo galego", que se suma a unha situación xa límite provocada polo incremento dos custos, os recortes previstos nos fondos da PAC para destinalos a investimento militar e a falta de protección real ás pequenas e medianas explotacións. "O que está en xogo non é un debate teórico, senón a supervivencia de miles de explotacións e dun modelo produtivo socialmente xusto, ambientalmente sostíbel e ligado ao territorio", afirmou.
Rego advertiu de que o acordo UE-Mercosur permitirá a entrada masiva de produtos agrarios e gandeiros procedentes de América do Sur, elaborados en condicións que non cumpren os estándares ambientais, sanitarios nin laborais que se exixen ás produtoras e produtores galegos. "É unha competencia desleal en toda regra", denunciou.
O dirixente do BNG sinalou directamente a responsabilidade compartida de PSOE e PP no apoio e impulso do acordo e considerou "especialmente grave" o papel do Partido Popular, "que agora pretende presentarse como defensor do campo mentres foi un dos grandes promotores deste tratado tanto en Bruxelas como no Estado español". Segundo Rego, "o PP actúa con absoluto cinismo: alentou durante anos a sinatura do acordo Mercosur, pediu mesmo que o Estado liderase a súa aprobación e agora tenta capitalizar o malestar do sector agrogandeiro cun discurso oportunista e falso".
Así mesmo, criticou que o PSOE "manteña unha posición sumisa ás lóxicas dos grandes intereses económicos e xeopolíticos, sacrificando unha vez máis o campo galego e utilizándoo como moeda de cambio". Rego subliñou que o acordo avanza en sentido contrario aos obxectivos que din defender as institucións comunitarias e os Gobernos estatais.
"Non se pode falar de sustentabilidade, de loita contra o cambio climático ou de soberanía alimentaria mentres se impulsan macroacordos comerciais que fomentan o monocultivo intensivo, o transporte intercontinental de alimentos e a desaparición da produción de proximidade", advertiu. Por último, reiterou o compromiso do BNG de seguir combatendo o acordo UE-Mercosur en todas as institucións, tanto nas Cortes do Estado como no Parlamento da Galiza e o Parlamento Europeo, e de exixir que calquera tratado comercial respecte os sectores produtivos galegos.
"É necesario favorecer o consumo de produtos locais, garantir prezos xustos e asegurar que quen produce aquí poida vivir dignamente do seu traballo", sinalou. "As gandeiras e agricultores están a dar unha lección de dignidade e de defensa do futuro do rural. O BNG estará ao seu lado, dentro e fóra das institucións, porque a defensa do noso campo non é negociábel", concluíu.

