Os consellos reguladores das IXP Tenreira Galega e Vaca Galega-Boi Galego manifestan a súa "preocupación" polo tratado UE-Mercosur
Resaltan a importancia dos selos europeos de calidade para "diferenciarse no mercado e ofrecer as máximas garantías aos consumidores”
O consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Tenreira Galega e en Vaca Galega-Boi están “maioritariamente de acordo coas reclamacións das agrupacións gandeiras polo Tratado comercial entre a Unión Europea e Mercosur e as súas posíbeis consecuencias para o sector”.
Nunha nota de prensa remitida aos medios de comunicación, sinalan que o acordo “favorecería a entrada de carne de terceiros países que teñen normativas e controis de calidade, de sostibilidade e de benestar animal moito menos esixentes que en Europa”.
Desde as IXP Tenreira Galega e Vaca Galega-Boi Galego reclaman “medidas efectivas e recíprocas para poder competir en igualdade de condicións e así garantir a seguridade alimentaria, a viabilidade do sector e o futuro do noso medio rural”.
Permitir a entrada de carne de América do Sur, con custos produción máis baixos e menos requisitos sanitarios, “supoñerá unha ameaza para o sector de vacún de carne de Galicia”. Exixen ás Administracións “salvagardas e controis reais e eficientes que eviten posibles situacións de competencia desleal”.
Trazabilidade, control e certificación
Destacan, ademais, que as gandarías inscritas en Tenreira Galega e en Vaca Galega-Boi Galego “distínguense por ofrecer un produto de gran calidade e por garantir a súa orixe e rastrexabilidade en base ao sistema de control e de certificación que o Consello Regulador aplica en todas as fases da cadea”. é por iso que defenden o control.
“Fronte ás grandes producións dos terceiros países que forman parte de Mercosur, a Unión Europea ten que seguir apostando pola soberanía alimentaria propia e pola defensa do valor engadido que achegan as Indicacións Xeográficas Protexidas, xa que tamén están vinculadas cunha forma de producir tradicional, con pequenas e medianas gandarías e cebadeiros de carácter familiar, que contribúen ao mantemento do medio rural e á súa viabilidade socioeconómica e medioambiental”, destacan.
A vindeira Política Agraria Común
Os consello reguladores tamén están de acordo coas demandas do sector para que Europa manteña cando menos o actual nivel de financiamento para o novo período da PAC, e que se conserven os piares que apoian as axudas directas e as axudas de desenvolvemento rural.
Ademais, reivindican "unha maior estabilidade nas políticas que afectan ao sector primario e unha maior simplificación da Política Agraria Común, reducindo as excesivas esixencias burocráticas actuais que afectan negativamente aos gandeiros e gandeiras, así como que haxa unha dotación orzamentaria potente que fomente, de verdade, a incorporación da mocidade ao sector primario”, conclúe González Vázquez.