A rexión de Madrid consome máis de 20 veces a electricidade que produce

A Galiza xerou 74,3% da produción eléctrica a partir de fontes renovábeis.
Un de cada catro XWh hidráulicos producidos no Estado teñen a súa orixe na Galiza en centrais como esta de Santo Estevo, de Iberdrola. (Foto: Europa Press)
photo_camera Un de cada catro XWh hidráulicos producidos no Estado teñen a súa orixe na Galiza en centrais como esta de Santo Estevo, de Iberdrola. (Foto: Europa Press)

Malia o descenso na produción eléctrica galega a partir do carbón, a Galiza seguiu a ser autosuficiente en canto á xeración deste tipo de enerxía en 2021. Así, a Galiza produciu 24.211 xigawatts/hora (XWh) polos 17.510 que demandou, o que supón unha ratio de 138,3% da produción sobre a demanda.

A demanda galega de enerxía eléctrica experimentou un leve incremento con respecto ao ano anterior, de 0,6%, unha pequena suba despois de que en 2020 esta demanda se reducise 5,8% no contexto da pandemia. Pola súa parte, a produción reduciuse en 1,4% resultando nunha baixada da ratio da xeración sobre a demanda, que pasou de 141,4% en 2020 a 138,3% en 2021, case 3 puntos menos con respecto ao exercicio anterior.

Porén, esta diminución, paliada pola importancia cada vez maior da xeración a partir de fontes renovábeis no territorio galego, é pouco significativa se se ten en conta o importante descenso da produción eléctrica na Galiza a partir do carbón, de até 65,8% con respecto a 2020.

Por segundo ano consecutivo, a eólica e a hidráulica suman xuntas máis de 70% da produción eléctrica na Galiza. En 2021, a Galiza xerou 74,3% da produción eléctrica a partir de fontes de orixe renovábel, coa eólica como a primeira fonte de xeración galega, con 39,5%. Séguea a hidráulica, que, con 7.692 XWh, foi a segunda tecnoloxía que máis produciu, alcanzando 31,8% do total. De feito, un de cada catro XWh hidráulicos que se producen no Estado teñen a súa orixe na Galiza. Con respecto a potencia instalada, as renovábeis suman xa 7.717 MW e representan 70,5% de todo o parque xerador galego.

Esta produción con tecnoloxía renovábel é moi significativa na Galiza con respecto ao conxunto do Estado español, xa que mentres a Galiza se situou en 74,3%, o conxunto do Estado español produciu en 2021 menos da metade da enerxía eléctrica a través destes métodos, con 48,4%. 

Absorción eléctrica desde o territorio madrileño

Os territorios deficitarios en canto á relación entre a produción e o consumo de electricidade dentro do Estado español son Murcia (99,1%), Catalunya (89,5%), Illes Balears (83,9%),  Andalucía (74,6%), Comunitat Valenciana (66,7%), Euskadi (42,9%), Cantabria (42,3%) e Madrid (4,9%).

Obsérvase que, aínda que até oito comunidades teñen unha produción inferior á súa demanda, esta descompensación mostra unha gran disparidade. Mentres Murcia se atopa ao bordo da autosuficiencia eléctrica, Euskadi e Cantabria teñen un balance deficitario moi significativo. Porén, este déficit fica moi lonxe do que experimentou Madrid, ao ter consumido en 2021 un total de 27.413 XWh polos 1.334 que produciu, ou o que é mesmo, consumiu máis de 20 veces o que produciu.

Récords na poxa eléctrica

Decembro de 2021 fechou como o máis caro da historia até aquel momento, cunha tarifa media de 239,1 euros/MWh. Un récord que foi pulverizado durante este ano 2022, cando o mes de marzo alcanzou unha media de 283,3 euros/MWh. Un prezo nas poxas que repercute do mesmo modo ás diferentes entidades territoriais do Estado, a pesar dos seus diferentes balances entre produción e consumo de enerxía eléctrica.

As previsións sitúan Iberdrola co maior beneficio operativo

Iberdrola, apoiada na introdución en mercados internacionais e no boom das renovábeis, converteuse na terceira empresa do IBEX en previsión de beneficio operativo, con 12.265 millóns de euros. Só por detrás da empresa de aceiros, Arcelor Mittal (15.905); e a de telecomunicacións, Teléfonica (12.418). Tras Iberdrola colócase a petroleira Repsol (11.353) e xa a máis distancia a téxtil Inditex (7.907).

Nun contexto de crise inflacionista que azouta as familias, os cinco xigantes económicos obteñen conxuntamente unha previsión de beneficios operativos que rozará os 60.000 millóns de euros en 2022. As previsións sinalan, tamén, que nos anos 2023 e 2024, Iberdrola, acusada pola Fiscalía de alterar a poxa eléctrica no seu beneficio, será a primeira empresa en beneficio operativo, con 13.282 millóns en 2023 e 14.270 en 2024.

Comentarios